O Festival Primavera do Cine en Vigo anuncia a programación da súa 9ª edición

O Festival Primavera do Cine en Vigo anuncia a programación da súa 9ª edición

• Entre o 15 e o 20 de setembro proxectaranse un total de 23 curtametraxes e 11 longametraxes galegas e lusófonas no Auditorio do Concello de Vigo e o Museo MARCO.
• O festival vigués afronta a súa edición máis desafiante con menos actividades paralelas, menos aforamento e unha estrita normativa hixiénico-sanitaria, mais mantén a súa esencia: a experiencia de achegar a maxia do cinema ao público vigués na propia sala.
• As entradas xa están á venda na páxina web do festival, así como na plataforma Woutick.

09.09.2020. Volve o Festival Primavera do Cine en Vigo. A novena edición do certame, que tivo que ser adiado por mor da pandemia, arrancará o vindeiro martes 15 de setembro nas súas sedes habituais: o Auditorio do Concello de Vigo e o Museo MARCO. Esta edición será máis austera, con menos actividades paralelas, menos aforamento e unha estrita normativa hixiénico-sanitaria, mais mantén a súa esencia: a experiencia de achegar a maxia do cinema ao público vigués na propia sala.

Ás 20 h do martes, o Auditorio do Concello acollerá un pequeno acto inaugural no que se presentarán os contidos e a proxección da primeira longametraxe da sección oficial. Trátase da multipremiada Pacificado, unha produción brasileira dirixida polo estadounidense Paxton Winters ambientada nas favelas de Río de Xaneiro durante e despois dos Xogos Olímpicos que pon o foco na humanidade que reside nestes espazos, unha fermosa e dura historia que convida a reflexionar sobre a paz e a posibilidade de alcanzala desde fóra cara dentro.

Ademais de Pacificado, outras oito longametraxes conformarán as seccións oficiais galega e lusófona.

As mortes, de Cristóbal Arteaga; De barrio, de Xurxo Chirro; Estado de malestar, de María Ruido; Eroski Paraíso, de Jorge Coira e Xesús Ron, e Manoliño Nguema, de Antonio Grunfeld, constitúen a Sección Oficial de Longas Galegas.

A febre, de Maya Da-Rin; Bostofrio, de Paulo Carneiro; Pacificado, de Paxton Winters, e Fakir, de Helena Ignez, conforman a Sección Oficial de Longas Lusófonas. Con respecto a Helena Ignez debemos comentar como curiosidade que en poucos días ese nome lle resultará coñecido ao público habitual desta edición. Ignez non é só a directora de Fakir, senón tamén protagonista e coprotagonista de dúas das curtas da Sección Oficial de Curtas Lusófonas: Extratos, de Sinai Sganzerla, e Carne, a multipremiada curta da brasileira Camila Kater que conta tamén con produción galega. Mentres que estas e outras sete pezas dan forma á sección de curtas lusófonas, outras 14 pezas integrarán a Sección Oficial de Curtas Galegas. Entre elas hai filmes que foron nomeados aos Goya, como Homomaquia; e obras que adaptan fermosos textos de Roberto Vidal Bolaño, como Badaladas de amor e morte; tamén filmes que competiron en Málaga como Mare; novas perspectivas da nosa cidade a través da mirada de cineastas arxentinos, como Una película hecha de; obras social e culturalmente comprometidas, e auténticas xoias de animación realizadas por autoras e autores locais que compartirán o seu tempo connosco para conversar sobre o seu traballo.

Ademais, o festival conta este ano cunha nova sección denominada Exhibicións especiais: Cinema e compromiso conformada polos filmes Reboiras: acción e corazón, de Alberte Mera, e Noite irisada, de Beatriz Vázquez Campaña. Trátase de dous documentais que desenvolven contidos propios do activismo político e social: a represión franquista o primeiro, e os dereitos do colectivo LGTBI galego, o segundo. Ambas as dúas proxeccións complementaranse cun debate posterior que contará coa presenza de personalidades relevantes na temática que tratan.

Toda a información sobre a programación está dispoñible no programa oficial que poden descargar nesta ligazón e no sitio web do festival: www.primaveradocine.com.

ACTIVIDADES PARALELAS

A pesar de que a prevención obriga a mermar o número de actividades paralelas, mantéñense dúas que foron exitosas en pasadas edicións, como Proxecto Remolque, un obradoiro de cinema expandido para toda a familia dirixido polo cineasta e proxeccionista Cris Lores, quen acompañado polos tamén cineastas Belén Veleiro e Alberte Pagán, ensinará ao público asistente a realizar as súas propias películas en celuloide manipulando vellos tráilers de cinema. Un xeito ameno de coñecer a historia do cine que de seguro fará as delicias tanto de adultos coma dos máis pequenos da casa.

Por outra banda, o Café Candelas con Crea terá lugar o venres 18 de setembro ás 19:30 h. no hotel oficial do festival, o Bahía de Vigo. Será un encontro entre público e cineastas moderado polo montador e director Jorge Coira —gañador do Goya á mellor montaxe por O descoñecido, de Dani de la Torre, e director da serie Hierro— e outros membros da Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia para conversar sobre a creación colectiva e a reconstrución do tecido audiovisual a través do medio dixital. Todo isto nun ambiente relaxado e informal, cun café Candelas ben quentiño entre as mans.

Ambas as dúas actividades terán un aforamento limitado e requirirán inscrición previa, que poderá formalizarse cun correo electrónico dirixido a info@primaveradocine.com.

OS PREZOS

Co obxectivo de facilitar a fluidez do tráfico de público e tamén coa idea de evitar a manipulación e o intercambio de papel na medida do posible, a entrada deberá ser formalizada de xeito online, a través da plataforma de venda Woutick ou da mesma páxina web do festival.

O custo das entradas será o mesmo que anos anteriores: 3 euros as curtas e videoclips, e 4 euros as longametraxes.

RESPONSABILIDADE

Para finalizar, a organización do festival agradece ao público tanto a súa asistencia coma o seguimento estrito das medidas hixiénico-sanitarias que se indicarán en cada unha das sedes. Porque a cultura, hoxe en día, precisa dunha militancia máis activa e responsable que nunca.