Pacificado

Director: Paxton Winters
Ano: 2019
Duración: 120 min
Xénero: Ficción
Sinopse:

Tati, unha moza introvertida de 13 anos, intenta conectar co seu distanciado pai, Jaca, cando este sae do cárcere nos convulsos días posteriores aos Xogos Olímpicos. Mentres a Policía Pacificadora brasileira loita por manter a fráxil ocupación sobre as favelas de Río, Tati e Jaca veranse obrigados a se abrir camiño no medio dunha confrontación que ameaza con frustrar as súas esperanzas de futuro.
Nada dunha colaboración creativa de case oito anos entre a comunidade de Morro dos Prazeres e cineasta Paxton Winters, Pacificado ofrece un retrato íntimo e alentador dunha familia que intenta achar a paz nese sempre cambiante campo de batalla urbano ao que chaman fogar. Winters afástase das imaxes habituais e os discursos mil veces repetidos sobre estes lugares sen lei que son as favelas. Prefire poñer o foco na humanidade dos seus habitantes, con quen conviviu, sen xulgalos en ningún momento. A convincente interpretación dos actores principais, é esencial para subliñar a forza desta honesta panorámica. O seu realista aspecto visual próximo ao documental e unha gran fluidez narrativa terminan de redondear unha película que devén en efectiva denuncia.

Proxeccións:

· Martes 15 de setembro ás 20:00
Auditorio Municipal do Concello de Vigo (Praza do Rei)