‘Meu amigo Lorenzo’ e ’10 de marzo’, premiadas no Primavera do Cine

―A longametraxe 'Meu amigo Lorenzo' faise co premio do público e '10 de marzo' recibe o premio do xurado. ―A longametraxe 'Liña de fuga' recibe unha Mención Especial do xurado. ―Premios do público para as curtametraxes 'Antes de que se poña o sol' e 'Pedro e Inácio'.

O domingo 10 de setembro no Auditorio Municipal do Concello de Vigo celebrouse a gala de clausura da XII edición do Festival Primavera do Cine, onde foron entregados os diversos premios aos filmes que participaron na sección oficial.

O premio do público á mellor longametraxe recaeu no filme de nacionalidade brasileira Meu amigo Lorenzo, dirixido polo veterano cineasta André Luiz Oliveira.

André Luiz Oliveira (1948) é todo un icono do cinema marxinal brasileiro desde finais dos anos sesenta, etiqueta que acadou a partir da difusión do seu filme Meteorango kid, o heroi intergaláctico (1969). A súa traxectoria está composta por numerosos filmes de prestixio como A lenda de Ubirajara (1974) e Louco por cinema (1994).

En palabras do propio Luiz Oliveira: “A miña carreira no cinema é longa. Teño varias longametraxes, curtas… pero Meu amigo Lorenzo é un filme especial e por iso tiña que verse nun festival especial, con características especiais”.

O xurado, composto por Franco Tedesco, cineasta, Migual Alejos, presidente do Cineclub Valmiñor Alice Guy e Carmen Díaz, programadora especializada en medios de comunicación, decidiu premiar o filme documental 10 de marzo, dirixido por Roi Cagiao por ser “un filme necesario nos tempos actuais pola temática que aborda, por realizar unha lectura precisa e comprometida da historia política recente de Galicia, a través dunha narración dinámica e acadando unha sobriedade emotiva”.

O xurado decidiu entregar tamén unha Mención Especial ao filme Liña de fuga, dirixido por Marta Blanco, “por elaborar un discurso arriscado que mantén o equilibrio entre as diversas áreas cinematográficas: montaxe, son, planificación, música… que contribúen a desenvolver un discurso intimista, acompañado dunha mirada crítica e feminista acerca da realidade”.

Os premios do público á mellor curtametraxe repartíronse entre os filmes de produción galega e os de produción de países da lusofonía.

O premio do público á mellor curtametraxe galega recaeu en Antes de que se poña o sol, dirixida por Nani Matos. En palabras do seu director: “ a curtametraxe fala sobre os conflitos familiares e as difíciles decisións que, ás veces, é necesario tomar”. Según a organización do festival: “unha ficción sustentada na solidez do guión e na dirección de actores”.

O premio do público á mellor curtametraxe lusófona foi a parar a outra produción brasileira, Pedro e Inácio, dirixida por Caio Dornelas, un documental de corte político e combativo que aborda as loitas camponesas polo dereito á terra nunha pequena comunidade do Brasil.

A gala de clausura contou tamén cun concerto e a estrea da curtametraxe Carmen.

A actuación musical correu a cargo do intérprete e compositor vigués Oswaldo Oro, artista de referencia internacional pola súa traxectoria ao longo dos últimos anos.

A curtametraxe Carmen, foi presentada polo seu propio director, Fernando Cornide. Nesta ópera prima, Cornide aborda o fenómeno da despoboación do rural en Galicia cunha mirada intimista á vez que comprometida.

A gala foi conducida polo director do festival, Alfonso Castaño, quen destacou como puntos fortes da presente edición:

A variedade da programación, composta por filmes que incluíron ficción, documental, animación e cinema experimental, trazando un panorama moi preciso da actualidade da cinematografía galega e lusófona”

A cantidade de filmes que foron estrea. Houbo sete estras en Galicia e en España e tres estreas de carácter internacional, dúas delas longametraxes”.

A aposta polos novos realizadores, presentando sete traballos que son ópera prima”.

A ampla presenza de mulleres directoras: un total de dez filmes foron dirixidos por mulleres na presente edición”.