Reboiras: acción e corazón

Director: Alberte Mera
Ano: 2020
Duración: 61 min
Xénero: Documental
Sinopse:

Na madrugada do 12 de agosto de 1975 é asasinada a última vítima galega da ditadura franquista. Con só 25 anos, Ramón Reboiras Noia recibiu múltiples disparos da policía en Ferrol. Aquel mozo de conviccións nacionalistas convertérase moi cedo en destacado membro da clandestina Unión do Povo Galego, a través da cal foi alicerce fundamental na organización de amplos sectores da sociedade galega en frontes de actuación como a sindical, a cultural ou a política.
En 2020, cando se conmemoran os 45 anos do seu asasinato, Reboiras. Acción e corazón traslada á gran pantalla un retrato deste mozo galego analizando tanto a súa faceta humana como a política. A súa vida e o seu pensamento son lembrados polo testemuño de 28 persoas que con el compartiron diversas etapas da vida, entre os que se atopan Margarita e Xosé Lois Ledo Andión, Xosé Luis Méndez Ferrín, Manuel Reboiras Noia, Elvira Souto, Luz Rei Pousada, Darío Xohán Cabana ou Saleta Goi García. O relato histórico é complementado por filmacións de arquivo e a recreación ficcionada das últimas horas de vida deste histórico militante, todo un símbolo da loita contra o franquismo en Galicia.
Alberte Mera
Vigo, 1987
Alberte Mera García é licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, con especialidade en Guión e Dirección Audiovisual, ten un mestrado en Comunicación e Industrias Creativas pola Universidade de Santiago. Actualmente é xornalista en Nós Diario e ten experiencia como consultor de comunicación, realizando traballos para a Universidade de Vigo e diversas consultoras.

Proxeccións:

· Venres 18 de setembro ás 18:00
Auditorio Municipal do Concello de Vigo (Praza do Rei)