Estado de malestar
Segundo Mark Fisher na súa obra Realismo capitalista (2009), “O capital enferma ao traballador, e logo as compañías farmacéuticas internacionais véndenlle drogas para que poida sentirse mellor. As causas sociais e políticas da tensión quedan ao carón mentres que, inversamente, o descontento individualízase ao tempo que se interioriza”. No capitalismo fordista a enfermidade social era a esquizofrenia; no postcapitalismo robotizado e híper burocratizado a competitividade constante e a vixilancia sen fin convértennos en depresivos, en anoréxicas e bulímicos.
O novo filme da cineasta militante María Ruído celebra neste festival a súa estrea galega. A partir dalgúns textos de Mark Fisher, Franco Berardi “ Bifo” e Santiago López Petit, así como dalgunhas conversacións con filósofos, psiquiatras e persoas afectadas ou diagnosticadas, especialmente co colectivo de activistas Inspiradas de Madrid, Estado de Malestar proponse como un ensaio visual sobre a sintomatoloxía social e o sufrimento psíquico en tempos do realismo capitalista, sobre a dor que nos provoca o sistema de vida no que estamos inmersos, e sobre que lugares e accións de resistencia e/ou cambio podemos construír para combatelo.
· Sábado 19 de setembro ás 18:00
Auditorio Municipal do Concello de Vigo (Praza do Rei)