A 9ª edición do Festival Primavera do Cine celebrarase en Vigo entre o 15 e o 20 de setembro
A 9ª edición do Festival Primavera do Cine celebrarase en Vigo entre o 15 e o 20 de setembro
Dende a organización do Festival Primavera do Cine de Vigo queremos comunicar a nosa decisión de adiar a celebración da 9º edición, inicialmente programada para a segunda semana de maio. As novas datas de celebración serán do 15 ao 20 de setembro. Con todo, seguiremos atentamente as recomendacións e obrigas propostas polas autoridades sanitarias e as administracións competentes. A seguridade de público, cineastas e persoas convidadas será sempre o primeiro para nós.
Queremos aproveitar para expresar o noso agradecemento a todas e todos os cineastas participantes, as grandes calidades dos traballos recibidos supoñen os mellores azos para seguir traballando coa maior das ilusións nesta edición.
Así mesmo, non queremos desaproveitar a oportunidade de amosar o cartaz desta edición, unha imaxe novamente creada pola deseñadora María Llauger, quen xa leva catro edicións embelecendo a gráfica do festival. Agardamos que vos transmita a mesma ledicia e amor cara o cine que a nós.
Por último, desexamos manifestar a nosa máis profunda solidariedade coas vítimas do Covid-19, coas súas familias e a súa xente máis próxima; tamén o noso agradecemento a todas aquelas persoas que traballan cada día para que o mundo, malia todo, continúe xirando. Cando todo isto remate teremos moito que celebrar e, logo de abrazar a nosa xente (aínda que sexa mantendo a distancia de seguridade), deberemos tomar as rúas e dar o mellor de nós para colaborar na medida das nosas posibilidades na reconstrución de todo ese tecido local e social que agora mesmo está tan abafado. Contamos convosco.
Vémonos entre o 15 e o 20 de setembro. Entrementres, coidádevos moito!