Homenaxe ás Xociviga

SÁBADO 6 de MAIO, 11:30 h.
AUDITORIO DO MARCO

Na presente edición do Festival Primavera do Cine en Vigo celebramos un acto de homenaxe a un dos festivais máis lonxevos de Galicia: as Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (XOCIVIGA).

Este festival de cine e videocreación nace no Carballiño no ano 1984 co obxectivo de visibilizar as manifestacións da  incipiente industria audiovisual galega, creando un entorno de debate arredor do seu presente e do seu futuro inmediato. A iniciativa parte da Dirección Xeral de Cultura da recén establecida Xunta de Galicia e conta coa participación activa e a experiencia do Cineclube de Carballiño, que viña organizando no mes de agosto a súa Semán de Cine dende 1975.

As Xornadas convértense nunha cita ineludible para os implicados na cinematografía galega e no activismo cultural emerxente trala ditadura franquista. O seu espírito combativo e rexenerador ten os seus antecedentes no clima xerado durante os anos setenta, coa presenza dunha reseñable produción de cine amateur e independente e a aparición de numerosas mostras de cine, como foron as Xornadas do Cine en Ourense, que poñen en marcha a concepción do termo “cine galego” e a súa implicación cultural, industrial e política.

A programación das XOCIVIGA durante este último periodo da década dos oitenta inclúe mostras de videocreación de autores emerxentes que serán recoñecidas a nivel estatal como vangarda do audiovisual. Tamén acollerá os principais traballos en 35 milímetros que marcarán o inicio da moderna cinamatografía galega.

En 1985 o festival organiza unha retrospectiva de Carlos Velo coa presenza do autor, que volverá a Galicia nunha visita considerada histórica, coincidindo con Chano Piñeiro e a proxección de Mamasunción. O pasado e o presente do cine galego reuníanse nas XOCIVIGA nun diálogo interxeracional sobre as posibilidades do sector cinematográfico de cara ao futuro.

As Xornadas serán lugar para a presentación de debates e ponencias impartidas por críticos, cineastas e historiadores de relevancia que disertarán sobre a consideración nacional do cine, as súas relacións con outras artes narrativas (literaura e cómic) e a necesidade de crear dende as institucións unha política cultural específica para o sector audiovisual.

Destes debates xorden iniciativas fundamentais para o inicio dunha industria audiovisual propia, como son a Escola de Imaxe e Son e o Centro Galego de Artes da Imaxe, sendo tamén o xermolo da Asociación de Historiadores del Cine Español.

Tamén o festival coidará unha oferta de actividades paralelas baseada nas exposicións de carácter histórico e nas “intervencións na rúa” a través de montaxes artísticas, introducindo un ambente de cine e actualidade posmoderna no verán do Carballiño.

Dende o Festival Primavera do Cine en Vigo queremos destacar o papel que xogaron as XOCIVIGA na xestación do cine galego e do seu sector audiovisual.

Sentímonos herdeiros da súa proposta, baseada na reivindicación do cine galego e no seu carácter de festival concebido non só como unha mostra de películas, senón tamén como un encontro de coñecemento e reflexión cultural, como un evento transformador da sociedade.

Textos: Alfonso Castaño

Proxeccións: videocreacións de Xavier Villaverde

Viuda Gómez (1984)

Galicia Caníbal (1987)

Alicia en Galicia Caníbal (1987)

Mesa redonda: as Xornadas de cine e Vídeo de Galicia

Interveñen: Luis Álvarez Pousa, Manuel González e Pepe Coira

Modera: Anxo Santomil

Os protagonistas