ALBERTO VÁZQUEZ

A actividade

12 instantáneas

VÁZQUEZ E A ANIMACIÓN POSAPOCALÍPTICA

Alberto Vázquez (A Coruña, 1980) vén de erixirse como un dos triunfadores da pasada edición dos Premios Goya conseguindo os recoñecementos á mellor curtametraxe de animación por Decorado (galardón que xa obtivera no 2012 por Birdboy) e á mellor longametraxe de animación por Psiconautas. Ambos traballos con participación galega na produción.

Este éxito non supón unha sorpresa tendo en conta a solidez da súa traxectoria. Este autor foi quen de sacar adiante filmes recoñecidos internacionalmente pola súa estética novidosa, baseándose no traballo constante e na paciencia que adoitan requerir os proxectos de animación.

Os seus comezos artísticos están ligados á banda deseñada con traballos como Alter Ego, Freda, o propio Psiconautas ou El evangelio de Judas, que alterna coas colaboracións como ilustrador en medios nacionais e internacionais.

Alberto Vázquez traslada do papel á pantalla a súa particular proposta estética nas curtametraxes Judas catholic esquirrel, Sangre de Unicornio e Birdboy. Estes filmes son exhibidos en numerosos festivais de prestixio e referentes no xénero da animación: Cannes, Toronto, Annecy, Clermond-Ferrand, Animafest Zagreb ou Slamdance.

As narracións de Alberto Vázquez susténtanse na Fábula como un xénero primixenio que ofrece unha ensinanza de tipo moral, empregando animais humanizados, premisa que serviu durante todo o século XX para educar á infancia a través do debuxo animado. Sen embargo, neste caso, a narración clásica vese continuamente dislocada, levando o relato polos vieiros do delirio ou o pesadelo.

Os personaxes alónxanse deliberadamente de fórmulas maniqueas e actúan nun mundo caracterizado pola ambigüidade moral e a violencia, sofrendo taras físicas e psicolóxicas ao longo dunha búsqueda existencial frustrada. É o camiño do antiheroe, reivindicando o carácter adulto e terrorífico dos considerados tradicionalmente “contos para nenos”.

O tratamento da imaxe tamén postula un clasicismo, nalgúns casos rebosante de cor, noutros cuberto de negrura, que acaba sendo estilizado ata a vangarda, a través da relación entre os personaxes e o espazo, entre o individuo e o decorado surreal polo que transita.

Nostalxia do paraíso perdido e reacción fronte á posapocalipse…  a obra de Alberto Vázquez supón unha nova proba de que a banda deseñada e a animación non son cousa (exclusivamente) de nenos e que existe outro mercado máis alá do público infantil; incluso con maior tradición, especialmente fóra das nosas fronteiras.

A súa repercusión ven a constatar unha inercia brillante do cine de animación en Galicia, a pesar da situación de desprotección e precariedade pola que vaga, dende fai anos, a industria cultural galega.

Se viviramos nunha posapocalipse cultural, Alberto Vázquez sería un supervivinte.

Textos e entrevista: Alfonso Castaño