Visións, Tempo, Contrafaces e varias sesións de curtas… na compaña dos cineastas

Este venres contaremos coa presenza de moitos dos autores dos filmes a proxectar. Sempre é enriquecedor para a propia percepción persoal o diálogo que se establece co creador de cada unha das obras.

A programación dará comezo ás 17 h. no auditorio do concello coa proxección do Bloque 5, que consta das curtas Lurna, Homes, El Pozo e Spaghetti Western. Nani Matos (Lurna) e Héctor Domínguez-Viguera (El Pozo) realizarán a presentación dos seus filmes.

Ás 18:30 h., acompañaranos Xisela Franco para presentar Visións, un traballo colaborativo dirixido por ela e composto de dez curtametraxes realizadas por cineastas da provincia de Pontevedra. Dez relatos audiovisuais contados por mulleres que reivindican o seu espazo.

Para presentar Tempo (no Auditorio ás 20 h) asistirán o produtor, Alejandro García Fernández, e un dos compositores da banda sonora, Alexandro González. O filme, dirixido por Manuel Valcárcel, é unha fermosísima elexía polo extraordinario ecosistema do Courel, ecosistema que non deixa de ser devastado por obra e gracia do ser humano.

A última proxección do día será Contrafaces, de Fon Cortizo, que se exhibirá ás 22 h. no mesmo auditorio. Trátase dun documental rodado en Galicia, Islandia e Canadá que explora os límites da expresión poética. Unha das protagonistas do filme é a poeta canadiana Erin Moure, que proximamente será investida doutora honoris causa pola Universidade de Vigo.

O Camões ofrécenos a oportunidade de pasar unha tarde gozando co talentoso cinema portugués coa proxección de tres bloques de curtas. Poderemos conversar cunha das directoras que fará unha pequena presentación do seu filme.

Deixe unha resposta