O Festival Primavera do Cine en Vigo presenta o seu cartel máis revolucionario

María Llauger é a deseñadora do cartel do Primavera do Cine en Vigo
  • O cartel, deseñado por María Llauger, ten un claro compoñente revolucionario e crea unha perfecta simbiose entre Galicia, Brasil e Portugal
  • O festival, que terá lugar entre o 8 e o 13 de maio proxectará cerca de 50 filmes entre curtametraxes, longametraxes e videoclips

O festival Primavera do Cine en Vigo deu a coñecer hoxe o cartel da súa sétima edición, un traballo da deseñadora e publicista María Llauger. A peza gráfica representa tanto o carácter revolucionario que ten o festival, reflexada pola bandeira vermella, coma a entrada da nova estación, simbolizada polo conxunto de tres cores que semellan unha flor e que son tamén as cores de Galicia e Brasil.

O Primavera do Cine, que se celebrará entre o 8 e o 13 de maio, recibiu un total de 283 filmes a concurso, batendo o seu propio récord. Finalmente desde organización seleccionaron cerca de 50 obras que se poderán ver nas distintas sedes coas que contará o evento.

O FESTIVAL

Os obxectivos cos que naceu o Primavera seguen vixentes ano tras ano, por iso, a entidade organizadora, Reencanto Produccións, promoverá a consolidación do audiovisual galego e lusófono e ofreceralles un espazo que sirva para impulsar as súas obras.

Como vén sendo habitual, o Primavera contará coas tres categorías orixinais: curtametraxes, longametraxes e videoclips ó que se suma un apartado especial dedicado á animación, un tipo de cinema que cada vez ten máis protagonismo en Galicia.

As longametraxes poderanse ver no Auditorio do Concello de Vigo, os filmes lusófonos no Instituto Camões e as curtas no Marco. Ademais, o Primavera contará co apoio de dúas sedes máis. Por un lado AFundación, onde terá lugar entre o 9 e o 11 de maio o ciclo de Cine Miúdo, unha actividade infantil que ensina ós escolares de infantil e primaria a relación que existe entre a música e o cinema. Por outro, Multicines Norte, que se unirá á proxección dos filmes galegos.

Doutra banda, o evento contará igualmente cun xurado profesional composto por personalidades referentes no seu sector e manterá o clásico premio do público, un acto que serve para facer partícipes a todas as persoas que asistan ás proxeccións.

Brasil será o país convidado desta sétima edición e do que se poderá coñecer, a través dunha coidada retrospectiva, o novo cinema brasileiro. Sen dúbida, a mellor ocasión para profundar na cultura cinematográfica desta rexión.

ACTOS PARALELOS

O Primavera do Cine en Vigo tamén buscará ampliar a súa oferta con diferentes actividades paralelas para achegar o audiovisual a toda a cidade.

Entre elas destaca o cinema ó aire libre o 4 e 5 de maio no que se proxectará Vigo 1972, un documental de Roi Cagiao que narra a folga máis grande de Galicia sendo Vigo unha das cidades máis implicadas. A folga consegiu non só grades dereitos para a clase obreira, senón que tamén tivo en xaque ó rexime franquista durante máis de quince días.

O Primavera do Cine en Vigo quere rememorar esta conquista dos traballadores e traballadoras proxectando o filme nos barrios que máis peso tiveron nesta reivindicación histórica: Coia e Teis.

Deixe unha resposta