Master Class de Mario Iglesias no Primavera do Cine

  • No marco das actividades da quinta edición do festival, o cineasta Mario Iglesias impartirá unha clase maxistral baixo o título de “A Dirección de Actores no Cine de Ficción”.

Atopámonos ante un dos directores máis persoais, transgresores e insólitos do cine actual. Dende as súas primeiras curtametraxes (Corten, La Calidez, Madres) convírtese en exemplo de como empregar a tecnoloxía dixital para filmar historias. Todos serán traballos premiados en numerosos festivais e avalados pola crítica.

No ano 2005 roda De Bares, a súa primeira longametraxe. Neste momento, Mario Iglesias convírtese por dereito propio nun autor de culto. O seu dominio da narración longa confírmase en Catalina (2006), Cartas italianas (2007) e El Desayuno del poeta (2008).

Con Relatos (2009) consigue o premio á mellor longametraxe na primeira edición do Festival Primavera do Cine en Vigo. Un galardón concedido polo público, que demostra que o seu traballo non ten vocación minoritaria.

En todas estas películas atopamos as características que definen o estilo de Mario Iglesias. En primeiro lugar, unha elaboración do guión primando sempre o desenvolvemento da historia. Existe unha influenza directa da narración literaria no seu cine, en concreto do xénero do relato breve. Ese diálogo entre cine e literatura aporta nas súas tramas a capacidade de enganchar ao espectador e levalo da man cara un xiro dramático ou un acontecemento singular, nun mundo non exento de humor e ironía.

O coidado do texto compleméntase co método de traballo cos actores durante a rodaxe. Mario Iglesias foi quen de extraer rexistros dramáticos inusitados dos mellores intérpretes do momento. Pero tamén logrou que neses mesmos filmes brillaran actores e actrices non profesionais, conseguindo resultados de alto nivel. Este traballo tan específico vén apoiado polo emprego das cámaras durante a rodaxe, conseguindo o punto de vista insólito, o perfil máis inesperado, a cercanía dun rostro, convertindo ao espectador nun voyeur que asiste a acontecementos cotiás dende un lugar privilexiado.

Finalmente, a montaxe dos seus filmes sitúase sempre fóra dos cánones, configurando unha ollada inconformista e única.

O cine de Mario Iglesias segue a liña dos mellores autores de cine independente. Quizais o referente máis claro sexa o mítico John Cassavetes, especialmente nalgún dos seus primeiros filmes: Shadows, Faces…

Consideramos a Mario Iglesias un verdadeiro buque insignia do noso cine, un exemplo de creador alternativo, que aposta por un tipo de filme capaz de chegar a todos os públicos sen perder profundidade. En fin, un autor de ideas insobornables.

 

Master class: A DIRECCIÓN DE ACTORES NO CINE DE FICCIÓN

Imparte: Mario Iglesias.

Dirixido a directores e intérpretes de formatos audiovisuais de ficción, tanto a nivel profesional como amateur. Tamén a directores e intérpretes teatrais.

Duración: 4 horas.

Lugar: Auditorio do concello de Vigo.

Data: sábado 28 de maio.

Horario: 10:00h a 14:00h.

Prezo: 20 euros.

Inscripcións: info@primaveradocine2017.dev.cc

Prazas limitadas

TEMARIO E DESCRIPCIÓN DA ACTIVIDADE

1. Introducción á dirección de actores.

2. Negociación co texto.

3. Negociación co actor.

4. Dirección de actores naturais

5. Dirección de actores profesionais.

6. O actor afeccionado.

7. Obradoiro práctico.

Nota: cada apartado abarca conceptos xerais e algún apunte distintivo para teatro e cine.

A master class consistirá na exposición dunha serie de pautas que axuden a abordar o traballo de dirección de actores.

Preténdese incidir no importante que resulta este ámbito de traballo para o bo resultado dun filme. Adoita acontecer que durante a rodaxe de certas películas (amateurs e profesionais) non se lle adica a este apartado a atención que se merece e o producto final acaba resentíndose.

Trátase de explicar, dende un punto de vista práctico, a relación entre director, intérprete e texto. Para isto, a master class será participativa e se fundamentará nun obradoiro de interpretación: ensaio e gravación de secuencias con actores e actrices, en base a un texto previo ou sobre premisas de guión que permitan a improvisación.

O obxectivo principal é ofrecer unha master class dinámica, intensa e participativa. Serán catro horas de traballo profesional, pero non exentas de amenidade. O participante terá a ocasión de coñecer o método de traballo de Mario Iglesias, un dos mellores directores de interpretación do cine actual.

Texto: Alfonso Castaño.

One Comment

Deixe unha resposta