A festa dos videoclips, un fotógrafo a reivindicar e ‘Vida’, moita vida

E isto xa vai rematando. Hoxe é a última oportunidade de asistir ás proxeccións de filmes a concurso desta quinta edición do Primavera. Ás 17 h. no auditorio municipal e ás 18 h. no Instituto Camões darán comezo as últimas sesións de curtas galegas e lusófonas.

A programación do auditorio cambiará de formato coa exhibición, ás 18:30 h. do documental La imagen reb/velada, de Andrea Vázquez, unha imprescindible reivindicación da figura do fotógrafo e artista plástico Baldomero Pestana.

Rubén Riós estreará ás 20 h. no mesmo auditorio o seu último traballo como director, a obra de ficción, Vida ligada ao documental Máis ca Vida que define a fortaleza e a capacidade de superación das persoas con diversidade funcional. Vida conta ademais cun reparto artístico excepcional, integrado por actores e actrices recoñecidos como: Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Mariana Carballal, Estíbaliz Veiga, María Mera ou Luís Iglesia, entre outros.

Ás 22 h. dará comezo a agardada gala de videoclips, unha gran festa musical na que se proxectarán as 18 pezas a concurso. BALA, Colectivo Subura, Onion Smile, Furious Monkey House ou Os Vacalouras, son só algún dos grupos que aparecerán na pantalla do auditorio, como protagonistas duns traballos de indubidable calidade firmados por Javi Camino, Mario Iglesias, Andrea Táboas, Ana Belén Diz e moitos outros autores.

Por último, lembrámosvos que mañá ás 19.00 horas no Auditorio do Concello de Vigo terá lugar a gala de clausura da quinta edición do Festival Primavera do Cine, unha cita na que o espectáculo e as emocións están aseguradas.

Deixe unha resposta