Mención Honorífica: Antonio Durán ‘Morris’

VENRES 5, 20:00H · AUDITORIO MUNICIPAL DO CONCELLO

Antonio Durán Morris (Foto por cortesía de Trama Films Entertainment S.L.)

Estamos tan afeitos a mirar cara fóra, que ás veces obviamos inxustamente o que nos rodea. Desculpen, non se trata dunha recriminación, nada máis lonxe das nosas intencións. De todos é sabido que moitos dos nosos talentos teñen que marchar para progresar. Afortunadamente, non é o caso dun dos intérpretes máis respectados do panorama nacional, que non é outro que o vigués Antonio Durán Morris.

Todo un home orquestra —traballou en programas de radio, teatro, cinema e televisión—, Antonio Segundo Durán Moreiras naceu no barrio de Teis. Estudou no colexio Labor, onde pasou a ser Morris, e no Instituto de A Guía. Foi aquí onde deu comezo o seu interese pola actuación tras interpretar a don Ramonciño nunha representación de Os vellos non deben namorarse, de Castelao, en conmemoración do Día das Letras Galegas. A obra tivo un inesperado éxito e certo percorrido. A partir de entón, xa seducido polo teatro, pasaría por varios grupos ata chegar á compañía Artello, da que foi confundador, e ao Centro Dramático Galego.

En 1986 aterrou na emerxente TVG onde forxou a súa carreira como comediante, pasando a formar parte do imaxinario de varias xeracións de galegos. Naqueles primeiros anos foi Modesto Ciclón, un home do tempo que sinalaba o mapa cun paraugas no programa O mellor. Pero, sobre todo, Morris é recoñecido por S.O.S e A ver que vai ser isto, aqueles audaces programas dirixidos por Chichi Campos, nos que formou parella por vez primeira con Manuel Manquiña. Foron os bos tempos da TVG, tempos de aprendizaxe, risco e creatividade, completamente opostos á actual opresión de ideas. Os moi nostálxicos lembrámolo tamén prestándolle a súa voz ao Mestre Mutenroi de As bólas do dragón e ao Rufo Machado daquela algueirada feita cine que foi A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos. Despois pasaría por diversos programas, tanto só como acompañado, ata acadar a calma popularidade con Pratos combinados e Padre Casares. Máis recentemente virían as series Hospital Real, Augasquentes e O final do camiño.

Como bo comediante, Morris pode cambiar o sorriso pola máscara tráxica nun airiño, segundo as esixencias do guión. Quizais o cinema sexa o medio no que máis desenvolveu esta faceta. E, certamente, encandea. Lembran o perturbado maltratador de Princesas? Ou ese entrañable tísico que quería matar ao ditador para honrar a memoria do seu fillo en Doentes? Acórdanse do ambiguo Milhomes de A Esmorga? Mesmo o derrotado Lucas de Unary, que pasou pola pasada edición deste festival… todos elas son actuacións fascinantes, maxistrais. Así foi reclamado por directores do talle de Fernando León de Aranoa, Icíar Bollaín, Xavier Villaverde, Daniel Monzón, Luis Avilés, Ángel de la Cruz, Gustavo Balza, Ignacio Vilar ou Alfonso Zarauza. As súas interpretacións valéronlle galardóns televisivos e teatrais, e 15 nomeamentos aos Premios Mestre Mateo, dos cales se materializaron catro polas súas actuacións en O partido, Doentes, A esmorga e Códice.

Traballador incansable e comprometido coa súa profesión, Morris foi presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia entre os anos 2010 e 2012. E non hai quen o pare. Na actualidade ten en pantalla Pieles, película de Eduardo Casanova que foi estreada na Berlinale e no Festival de Málaga; e Dhogs, de Andrés Goteira, recentemente estreada no prestixioso Bafici de Bos Aires. Entre os seus futuros proxectos están o filme Estación violenta e a ambiciosa serie Fariña. Certo é que Morris non para, pero fará un oco para visitarnos e recibir o seu merecidísimo galardón.

O Festival Primavera do Cine quere salientar e homenaxear o talento dun home nado para enriquecer a vida dos demais. Un home, ademais, profundamente comprometido coa cultura, coa súa profesión e coa situación sociopolítica do seu país. A celebración da Mención Honorífica, na que se fará a entrega dunha Oliveira Bonsai facilitada por Casaplanta a don Antonio Durán Morris, terá lugar o venres 5 de maio no Auditorio do Concello de Vigo, durante o transcurso da Gala de Inauguración da VI edición do festival.

Texto: Ana Gontad