
Xurado
Sofía Henrique
(Lisboa, Portugal, 1974)
Licenciada en historia da arte, Mestre en filoloxía portuguesa. Traballou de profesora de lingua e cultura portuguesa en Francia, Italia e Portugal. Participou na organización de festivais e mostras de cine portugués en Francia e Italia, en ámbitos universitarios. Tradutora do italiano e do catalán, participou na fundación da revista literaria bilingüe “Capicua, uma ponte entre as letras portuguesas e catalãs”, asumindo tamén tarefas de redacción, e fixo a tradución ó portugués da primeira antoloxía de poesia da illas Baleares “La flor més primerenca”, publicado polo instituto Ramón Llull e polo Governo das Illas Baleares.
Na actualidade traballa como docente de lingua e cultura portuguesa no centro cultural portugués do instituto Camôes en Vigo.


Álex Mene
(Vigo, 1969)
Licenciado en comunicación audiovisual, doutor en belas artes e titulado polo Instituto Oficial de Radio e Televisión. Traballou de xornalista e fotógrafo en distintos medios. Na actualidade exerce de catedrático de debuxo no Bacharelato Artístico.
A raíña das tortas, na colección Verdemar da editorial Alvarellos, foi o seu primeiro libro. Con Indómita e a semente da inmortalidade gañou o I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil “Muíño do Vento”, libro publicado pola editorial Bululú en galego e castelán. En 2020 obtivo o 3º premio no Certame de narracións breves Manuel Murguía polo texto titulado A herdeira. No ano 2021, publicou Ana e as súas irmás na editorial Do Peirao e recibiu o premio de poesía Concello de Carral polo seu primeiro poemario titulado Os puntos do impacto, publicado pola editorial Espiral Maior. Ademais, vén de saír do prelo o seu último álbum ilustrado titulado A encantadora de serpes.
Aldara Pagán
(Ourense, 1997)
Artista visual. Autora das obras O que precede a caída é branco (2018), Alí sentíame eterna (2020), MARCAS (2020), Sen título (2022), Nese momento ou amor foi escuro e só puiden chorar (en desenvolvemento), as cales pasaron por festivais como: (S8) Mostra de Cinema Periférico, CURTOCIRCUÍTO, ZINEBI, Cinespaña ou Márgenes, entre outros. A súa obra céntrase na autorrepresentación, o traballo co íntimo, o tramado do corpo e a performatividade nos extremos. Móvese entre o dixital e o celuloide. Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Experta Universitaria en Xestión Cultural pola mesma universidade. Máster de Creación Audiovisual na Elías Querejeta Zine Eskola, en Tabakalera, Donostia – San Sebastián. Máster LAV Madrid, Laboratorio Audiovisual de Creación e Práctica Contemporánea. Redactora na revista de crítica cinematográfica “A Cuarta Parede”. Traballo de programación, comunicación e produción en festivais como OUFF, CINEUROPA, (S8) ou Curtocircuíto.

Xurado infantil
Noa Lago
(Vigo, 2014)
Cun amplo sorriso na súa faciana, Noa confesa que as súas actividades preferidas para pasar o tempo libre son facer crebacabezas e pintar. Estuda en Maristas, onde ademais de xogar cos seus amigos, goza aprendendo un pouquiño de todo, aínda que salienta o inglés. Encántalle ler, sendo Filipo e Leo o seu libro favorito, e é unha gran cinéfila (O Rei león gustoulle moito, malia que a súa peli preferida na actualidade é Canta). Practica natación con asiduidade e cando sexa maior quere converterse en profesora de infantil. Defínese como unha persoa boa e alegre, cousa da que dámos fe.


Breixo Silva
(Vigo, 2011)
O riseiro Breixo, cursa sexto de primaria no CEIP Coutada Beade. Polo de agora estuda inglés e francés pero non descarta estudar máis idiomas no futuro. Pasa o tempo libre debuxando, xogandos cos seus cans, xogando a videoxogos ou ao cubo de rubik e mesmo programando, actividade á que se quere dedicar cando sexa maior de xeito profesional. Lembra ter visto de pequeniño Callou feliz Navidad, mais o seu filme favorito é, sen dúbida, My hero academy 2. Cando non está estudando ou programando, tamén lle gusta ler (lembra con agarimo Regreso ao reino da fantasía) e practicar deporte (ademais de divertirse saltando á comba, practica bádminton, frontón e baloncesto). .
Xoana Silva
(Vigo, 2013)
Deportista infatigable, Xoana estuda no Centro de educación infantil e primaria Coutada Beade. A primeira película que lembra ter visto é ET o extraterrestre, aínda que a súa favorita polo de agora é Padre no hay más que uno 2. No seu tempo libre goza facendo deporte (practica atletismo, natación, baloncesto e patinaxe con asiduidade), lendo (é unha grande admiradora de Isadora Moon e o castelo encantado) e xogando cos seus cans ou cos seus xogos e bonecos. O seu soño é converterse en veterinaria cando sexa maior porque o que máis lle gusta do mundo son os animais.

Evento
Gala de clausura
Domingo 20 de setembro, 19 h
AUDITORIO MUNICIPAL DO CONCELLO
Entrada de balde