Proxecto Remolque

Proxecto Remolque é un obradoiro de cinema expandido para toda a familia dirixido polo cineasta e proxeccionista Cris Lores, quen, acompañado polos artistas e tamén cineastas Belén Veleiro e Alberte Pagán, ensinará ao público asistente a realizar as súas propias películas en celuloide reutilizando vellos (e belos) tráilers de 35 mm. Un xeito moi divertido de coñecer a historia do cinema que de seguro fará as delicias tanto de adultos coma dos máis pequenos da casa.
Cris Lores
(Berna, Suíza, 1975)
Comezou a facer cine a finais da década de 1980 cunha cámara de súper 8 e cunha Hi8. Traballou na construción até os 25 anos, cando marchou a Londres, onde aprendeu co cineartista Aketza Barkoff. Formado tamén como proxeccionista de cine, leva desde 1999 proxectando películas no Cineclube de Pontevedra, feito que mudou a súa concepción do cine como espectador e como manipulador e creador. Ten traballado en case todos os formatos cinematográficos: 8mm, súper 8, 9,5mm, 16mm, 35mm e mesmo 70mm. E tamén, en colaboración con Belén Veleiro, no ámbito do cinema expandido.
Lores desenvolverá a sesión co acompañamento dos tamén cineastas Belén Veleiro e Alberte Pagán.

Belén Veleiro
(Santiago de Compostela, 1982)
Licenciada en Belas Artes e técnica en Fotografía Artística, os seus intereses rondan a videocreación e o manipulado de material analóxico. Participa en proxectos colectivos como M8 (colectivo aberto no que manipulan película de 8 mm en directo), Papel Medium (Proxecto musical de Javi Álvarez e Álvaro Barriuso) ou Proxecto Remolque. O seu proxecto persoal, Paper Cinético, é unha volta ao precine.

Alberte Pagán
(O Carballiño, 1965)
Considerado como un dos pioneiros do Novo Cinema Galego, foi Premio da Crítica de Galicia en 2016 na modalidade de Cine e Artes Audiovisuais. É autor de numerosos textos e libros sobre cinema experimental. Varias das súas obras estiveron en festivais especializados tanto estatais como do estranxeiro, e tamén participou en mostras colectivas como “D- generación” ou no ciclo “Visto y no visto” do Museo Reina Sofía de Madrid.

Evento
Proxecto Remolque
Domingo 18 de setembro ás 17:00 h. na sede do Instituto Camões en Vigo
Entrada de balde con inscrición previa na conta info@primaveradocine.com
Prazas limitadas