Proxecto Remolque

O PROXECTO REMOLQUE EN PALABRAS DO SEU AUTOR

O Proxecto remolque comezou coa chegada do dixital e o desmantelamento dos cinemas en 35mm. Eu persoalmente non teño nada contra o dixital, todo o contrario, xa que permitiu a moita xente facer os seus proxectos con presupostos baixos e mesmo sen orzamento.

Penso que poderiamos coexistir perfectamente e que hai sitio para os dous sen problema. Con todo, os vendedores de dixital non opinaban o mesmo, e a instalación do dixital trouxo implícito o desmantelamento do analóxico. Foi algo moi semellante ao desastre do Prestige, todo se solucionou a base de cartos e ameazas.

Pois a raíz diso, un compañeiro proxeccionista que traballaba en varios cinemas ofreceume a posibilidade de rescatar un montón de cousas dos “vellos e bellos” cinemas, coma obxectivos, empalmadoras, bobinadoras e una morea de avances cinematográficos.

Así comezou todo. Un día ofrecinlle a algún colega a posibilidade de facer un filme en 35mm manipulando os avances e transformándoos noutra cousa; outro día, pasou Alberte Pagán pola casa, faleille do proxecto e díxome que estaría encantado de levar un e facer cousas con él. E así comecei a repartir avances a xente de todo tipo: cineastas, fotógrafos, pintores, camareiros, etc… Amigos, vaia.

Olalla Márquez foi a primeira en poñerse mans a obra. Cando vin o resultado final souben que tiña algo precioso entre mans aínda que non saíra da miña casa, (a peli, non Olalla); e agora xa non me lembro, pero andará polos 40 avances repartidos, máis ou menos. Despois, a xente comezou a interesarse pola idea. Deste xeito emerxeu o Proxecto Remolque, un filme que nace a partir da morte do proxeccionista.

Cris Lores

(Berna, Suíza, 1975)

Comezou a facer cine a finais da década de 1980 cunha cámara de súper 8 e cunha Hi8. Traballou na construción até os 25 anos, cando marchou a Londres, onde aprendeu co cineartista Aketza Barkoff. Formado tamén como proxeccionista de cine, leva desde 1999 proxectando películas no Cineclube de Pontevedra, feito que mudou a súa concepción do cine como espectador e como manipulador e creador. Ten traballado en case todos os formatos cinematográficos: 8mm, súper 8, 9,5mm, 16mm, 35mm e mesmo 70mm. E tamén, en colaboración con Belén Veleiro, no ámbito do cinema expandido.

Lores desenvolverá a sesión co acompañamento dos tamén cineastas Belén Veleiro e Alberte Pagán.

Cris Lores

Belén Veleiro

(Santiago de Compostela, 1982) 

Licenciada en Belas Artes e técnica en Fotografía Artística, os seus intereses rondan a videocreación e o manipulado de material analóxico. Participa en proxectos colectivos como M8 (colectivo aberto no que manipulan película de 8 mm en directo), Papel Medium (Proxecto musical de Javi Álvarez e Álvaro Barriuso) ou Proxecto Remolque. O seu proxecto persoal, Paper Cinético, é unha volta ao precine.

Alberte Pagán

(O Carballiño, 1965)

 

Considerado como un dos pioneiros do Novo Cinema Galego, foi Premio da Crítica de Galicia en 2016 na modalidade de Cine e Artes Audiovisuais. É autor de numerosos textos e libros sobre cinema experimental. Varias das súas obras estiveron en festivais especializados tanto estatais como do estranxeiro, e tamén participou en mostras colectivas como “D- generación” ou no ciclo “Visto y no visto” do Museo Reina Sofía de Madrid.

Evento

Proxecto Remolque

Sábado 11 de setembro, 11 h

AUDITORIO MUNICIPAL DO CONCELLO