Obradoiro: introdución ao guión cinematográfico

Partindo de conceptos básicos, Fon Cortizo amosará o misterio das estruturas; explicará as características do documental e da ficción, e definirá a importancia da ambientación e a construción e realidade dunha personaxe, recompilando, en suma, moitos dos ingredientes necesarios na elaboración dun guión cinematográfico.

O cineasta dedicará a segunda parte do obradoiro á asesoría de proxectos de xeito personalizado, reuníndose con todas aquelas persoas participantes interesadas en seguir desenvolvendo o seu traballo.

Fon Cortizo

Nos últimos anos, o vigués Fon Cortizo salientou pola proxección internacional dos filmes nos que asumiu a dirección. En 2015, estreaba a súa primeira longametraxe, Contrafaces, dirixida e escrita man a man xunto a Álex Cancelo. Esta mirada á construción da identidade e o proceso creativo foi estreada en Visions du Reel (Suíza).


A súa primeira longametraxe en solitario —da que tamén asinou o guión— foi 9 fugas, unha exploración do proceso de creación cinematográfica a través da construción inversa do relato que recibiu numerosos galardóns, entre eles ou premio á mellor película (ex-aequo) na Sección “Retueyos” do Festival de Xixón e o premio á mellor dirección de longametraxe galega na pasada edición do Festival Primavera do Cine.

Evento

Obradoiro: Introdución ao guión cinematográfico

Sábado 17 de setembro ás 11 h.

Sede: Auditorio do Instituto Camões.

As prazas do obradoiro serán limitadas.

Actividade apoiada por CREA (Asociación galega de profesionais da dirección e realización).