Obradoiro: cinema, a sociedade de consumo e feminismo

Agnès Varda

Vivimos nun mundo de pantallas, onde recibimos estímulos constantes, cargados de mensaxes e concepcións dadas de como é o mundo. Estas mensaxes configuran a nosa forma de actuar e pensar, sen embargo, non sempre transmiten un contido pedagóxico, contribuíndo, moitas veces, a formar modelos de comportamento, estereotipos e eufemismos de forma sistemática e inconsciente na poboación que os consume. Partindo desta premisa, consideramos importante habilitar un espazo para reflexionar sobre as mensaxes recibidas, o cuestionamento das intencións e intereses escondidos tras a pantalla, a formulación dunha opinión crítica e persoal fundamentada, así como para a participación e o intercambio de ideas.

O obradoiro Cinema, a sociedade de consumo e feminismo, preséntase como unha actividade que pretende contribuír a desvanecer esta problemática. Farémolo dende unha metodoloxía dinámica, ilustrativa, participativa e dirixida ao público adolescente, por ser a poboación mais exposta e vulnerable á hora de recibir estes estímulos, coa intención de proporcionarlles ferramentas e técnicas para filtrar e valorar a información recibida.

Imparte: Verónica Fonterosa, graduada en pedagoxía pola Universidade de Santiago de Compostela e técnica en Produción audiovisual e de espectáculos polo I.E.S. Audiovisual de Vigo.

Evento

Obradoiro: cinema, a sociedade de consumo e feminismo

Xoves 15 de setembro ás 18 h. no auditorio do Instituto Camões.

Entrada de balde previa inscrición en info@primaveradocine.com