Mención honorífica:
Alberte Pagán
Alberte Pagán. Fotografía: Claudio Pato, 2021.
A ESTÉTICA SEN ÉTICA É PURA COSMÉTICA
Esta frase que ben podería ser dun eslogan de maio do 68, é perfectamente aplicable á filmografía de Alberte Pagán.
A obra de Alberte é moi variada pero ten un salientable fío condutor, toda a súa filmografía é cinema militante que convida á reflexión e á procura, ben podería ser un perseguidor ao estilo máis cortazariano. Por esa e outras razóns escollimos as dúas pezas de hoxe; por un lado Dolores ilustra a tendencia de Alberte a indagar en novas texturas fílmicas ou novas linguaxes cinematográficas, experimentando cunha peli de cinema clásico para dinamitar, precisamente, o discurso clásico. Outras obras nesta liña son Superficies, Témenos, Catedral de Rouen e mesmo a última, Limites, unha olhada anti-especista ao mundo animal nom humano, un filme cheo de gatiños lindos que pasan de ser animais de certa especie para convertirse nalgo tan simple —e tan complexo para para algúns— coma un ser vivo.
A segunda obra escollida, Película urgente por Palestina, ilustra, por outra banda, ese cinema máis evidentemente militante, e tan necesario que ese filme continúa a ser de máxima urxencia. Por iso queremos tanto a Alberte, pola súa irreverencia, pola súa apertura de miras, pola súa capacidade de nos descubrir todo tipo de referencias artísticas, culturais e literarias, e sobre todo polo seu compromiso co cine e co noso tempo.
En resumidas contas, dedicarlle esta mención honorífica a Alberte Pagán é celebrar unha parte esencial da nosa historia cinematográfica, mais, principalmente, é celebrar o cinema libre.
Ana Gontad.
Alberte Pagán (O Carballiño, Ourense, 1965)
O cinema experimental en Galiza ten un nome propio: Alberte Pagán. Formado en Filoloxía Hispánica e Inglesa na Universidade de Santiago de Compostela, Pagán é o tradutor dos dous primeiros capítulos de Finnegans Wake (Contos contados de Finnegan e HCE, Juncalinho, 1996), a derradeira novela de James Joyce sobre a que escribiu o ensaio A voz do trevón. Unha aproximación a Finnegans Wake (Laiovento, 2000). É autor do poemario Prosopagnosia (2013) e das pezas teatrais Como foi o conto e outras peças teatrais (2013), inspiradas en cinco das súas películas.
Na súa extensa filmografía explora temas como a oralidade —Como foi o conto (2004), De cangas e baldes (2019)—, as comunidades humanas apartadas do concepto occidental de sociedade —Os Waslala (2005), Tanyaradzwa (2009)— ou a emigración, en Bs. As. (2006), filme co que consegue o I Premio de Ensayo Cinematográfico Román Gubern da Universitat Autònoma de Barcelona. A visión política anticapitalista sempre está presente na sua obra, tanto no fondo como na forma, que cuestiona os modos industriais de creación cinematográfica. En 2010 dirixe a longametraxe de ficción A pedra e o lobo. En anos posteriores realiza diversos «estudos cinematográficos» —Quim.com (2014), Frank (2015)—, retoma a proxección a dobre pantalla inaugurada por Tanyaradzwa —6×9 (2019), Puílha 17 Janeiro 15:33h (2020)— e investiga a refilmación de imaxes proxectadas sobre diferentes materiais na súa serie «Superfícies». Varias das súas obras participaron en festivais especializados tanto en España coma no estranxeiro e en mostras colectivas como «D-generación» ou no ciclo «Visto y no visto» do Museo Reina Sofía de Madrid. En 2016 recibiu o Premio da Crítica de Galicia na modalidade de Cine e Artes Audiovisuais.
Bloque de curtas experimentais
Mención Honorífica
Sábado 11 de setembro no Auditorio Municipal do Concello de Vigo tralo remate do bloque de curtas experimentais das 20 h.