Mención honorífica:
Cineclube Lumière

Cineclube Lumière

Cando no ano 1993 un grupo de persoas se reuniu para crear o Cineclube Lumière, seguramente poucas delas pensaban que case trinta anos despois seguirían aí, non só como símbolo de resistencia cultural senón tamén como institución de referencia na nosa cidade, transmitindo paixón polo cinema e apostando pola cultura de proximidade. O nacemento do «Lumière» supuxo recuperar para a cidade olívica unha actividade que non tiña continuidade dende o ano 1982, data na que desapareceu o último dos cineclubes vigueses dos anos setenta.

 

Ao longo de todos estes anos, nos que o panorama da exhibición cinematográfica mundial experimentou unha drástica transformación, o cineclube cambiou de sede e de representantes, pero o que nunca mudou foi o seu carácter divulgativo, o seu interese pola difusión da cultura cinematográfica, a vocación polo estudo do cinema, polo achegamento de xeito crítico á sétima arte (e á sociedade por extensión); ademais da promoción de realizadores novos, a quen facilita a produción e a posterior exhibición dos seus filmes. Todo isto sempre en escrupulosa versión orixinal subtitulada —no caso dos filmes estranxeiros—, mantendo a esencia de cada película. 

 

Desde a súa ourela de resistencia, o Lumière colabora con numerosas entidades da cidade para ofrecer todo tipo de ciclos cinematográficos, organiza exposicións e obradoiros formativos, produce curtametraxes e non deixa de estar presente en parladoiros, entrevistas e debates.

 

En suma, facer entrega da mención honorífica deste ano ao Cineclube Lumière é conmemorar a cultura de resistencia mais, principalmente, conmemorar o cinema libre.

Mención Honorífica

A mención honorífica será entregada no acto de clausura da 11ª edición do Festival Primavera do Cine ao membro fundador do Cineclube Lumière, Francisco Javier Estévez Álvarez (Fran), e á súa actual presidenta, Meli López.