A Febre
Justino, un home de 45 anos que provén da tribo dos Desana, instalouse sendo mozo na cidade de Manaos (Brasil), onde se gaña a vida como garda de seguridade no porto. Recentemente viúvo, vive coa súa filla Vanessa, quen traballa de enfermeira nunha clínica desa zona amazónica. Cando a ela lle confirman unha bolsa para estudar medicina en Brasilia todo cambia para el. Unha misteriosa febre se lle desata por momentos.
Maya Da-Rin preséntanos o seu protagonista sen apenas palabras. Justino explica quen é a través do seu tedioso traballo, así como do seu esgotamento, que culmina nunha estrana enfermidade. Este é un filme que se move, de xeito paseniño pero constante, convidando a moverse con el, de aquí para alá, entre a viveza da selva amazónica e o gris do contexto urbano, para retratar o interior máis profundo dun home que arrastra unha tristeza crónica. Sen estridencias, con elegancia e sensibilidade, aproveitando a sinxeleza e a prodixiosa humanidade dos seus intérpretes (Regis Myrupu foi galardoado como mellor actor en Locarno), a directora agasállanos cunha das óperas primas máis fermosas do cinema latinoamericano dos últimos anos.
· Sábado 19 de setembro ás 19:45
Auditorio Municipal do Concello de Vigo (Praza do Rei)