Nace Rías Baixas Film Fest, a nova marca de calidade para fortalecer os festivais de cinema da provincia de Pontevedra

Nace Rías Baixas Film Fest, a nova marca de calidade para fortalecer os festivais de cinema da provincia de Pontevedra

O Festival Primavera do Cine é un dos nove eventos que integran esta marca propiciada pola Deputación de Pontevedra

“Esta pandemia global ensinounos moitas cousas; entre elas, a enorme relevancia da cultura. A través do audiovisual sentimos, soñamos, construímos e creamos.” Con estas palabras, Carmela Silva deu a benvida á nova marca provincial de calidade para os festivais de cinema da provincia. A presidenta da Deputación agradeceu ás persoas promotoras destes eventos o seu esforzo para manter a súa celebración neste ano 2020 “potentes, fortes e con compromiso”, salientando ademais que “sitúan á provincia e a cada un dos concellos onde se desenvolven nun espazo máis amplo, traspasando fronteiras”. Por último, sinalou que “hai poucas provincias no conxunto do Estado que teñan tantos festivais audiovisuais e de tanta calidade como a de Pontevedra”.

A marca corporativa, decidida pola institución provincial e os mesmos festivais, engloba os nove eventos máis importantes da provincia; xunto ao Primavera do Cine comparten este espazo o Festival de Cans (O Porriño, 2-5 de setembro), FICBueu (11-19 de setembro), Play-Doc (Tui, 23-27 de setembro), Festival Again de Cine Inclusivo (Vigo, 13 ao 17 de outubro), Curtas Festival do Imaxinario (Vilagarcía de Arousa, 23 de outubro ao 1 de novembro), Galician Freaky Film (Vigo, 28 ao 31 de outubro), Novos Cinemas (Pontevedra, 15 ao 20 de decembro) e Curtas Armadiña (Poio). 

  Ao acto de presentación, que revestiu a fachada exterior da nova sede da Deputación en Vigo cos símbolos dos festivais, asistiron as promotoras dos eventos e representantes dos concellos onde se desenvolven. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou que “hoxe comeza a andaina dun proxecto moi potente, que fostes capaces de construír entre todas e todos vós” e manifestou a vontade de continuar traballando no apoio aos festivais audiovisuais “como un sector estratéxico para a provincia”, anunciando a creación dun Comité Asesor.

A presidenta provincial lembrou que a nova marca de calidade xurdiu das propias persoas promotoras dos festivais, “que consideraban que serían máis fortes se estaban unidas baixo unha mesma marca”. Pola súa banda, Ángel Sánchez, director do Play-Doc, agradeceu en nome de todos os festivais “o diálogo fluído” coa Deputación para “construír novas ideas” e salientou o papel do cinema para “formar espectadores/as críticos/as e lograr a transformación social nas nosas contornas”. En canto á marca, Sánchez subliñou a importancia do “traballo conxunto para incrementar a visibilidade, dignificar a cultura, profesionalizar o sector e ser máis fortes no relato cultural”.

 
Rías Baixas Film Fest: intervención da presidenta da Deputación de Pontevedra