O Primavera do Cine proxecta Vigo 1972, de Roi Cagiao, en Coia e Teis

  • O filme poderase ver de balde o 4 de maio en Coia e o 5 de maio en Teis ás 21.30 e contarán coa asistencia do seu director, Roi Cagiao

O Primavera do Cine en Vigo levará aos barrios de Coia e Teis o documental Vigo 1972, do cineasta Roi Cagiao. O venres 4 de maio o filme poderase ver en Coia no campo de fútbol (avenida Castelao, 50) e o 5 de maio o pase será en Teis, na entrada a Vulcano (rúa Enrique Lorenzo, 70). Ambas as proxeccións, que contarán coa presenza do director, terán lugar ás 21.30 e serán de balde.

O acto, que segue os obxectivos do certame de espallar o cine por toda a cidade, quere achegar aos veciños e veciñas de Vigo a folga histórica que se viviu na comarca en plena época franquista e na que tanto Coia como Teis acadan unha especial relevancia.

A cinta foi nomeada aos Mestre Mateo e atópase entre as 100 películas españolas máis vistas do ano.

VIGO 1972

En 1972 e en plena ditadura, Vigo comeza unha folga xeral de dúas semanas que consigue parar toda a cidade e a súa comarca.

O detonante deste parón histórico será o despido de cinco traballadores de Citröen despois de esixir unha redución da xornada laboral a 44 horas semanais e non ter así que traballar o sábado pola tarde. Debido ás represalias tomadas pola empresa, o 11 de setembro comezan as manifestacións dos traballadores de Citröen e Vulcano para pedir a readmisión dos operarios e, poucos días despois, sumarase practicamente a totalidade da clase obreira das grandes compañías viguesas.