Cine miúdo no teatro Afundación, unha actividade do Primavera do Cine que achega a música e a sétima arte ós máis pequenos

  •  O evento, que está dirixido a nenos de infantil e primaria, terá lugar entre o 9 e o 11 de maio no teatro Afundación
  • Trátase dunha actividade paralela ó festival Primavera do Cine en Vigo e pola que pasaron máis de 1000 cativos no conxunto de todas as edicións

Cine Miúdo chega un ano máis da man do Primavera do Cine en Vigo para mostrar ós máis pequenos a estreita relación que hai entre o cine e a música e convertelos nos auténticos protagonistas da xornada.

Por iso, entre o 9 e o 11 de maio, os cativos poderán ver diferentes pezas de cine musicalizadas ó vivo grazas ó trío Casperverk e ata poderán substituílos e ser eles mesmos os encargados de harmonizar os filmes durante uns intres.

Esta nova edición realizarase no teatro Afundación (antigo García Barbón) que cederá o seu espazo para apoiar ó festival e para o desfrute dos máis pequenos da casa. Sen dúbida trátase dunha actividade infantil cunha gran traxectoria e aceptación entre os docentes, pola súa valor pedagóxica e que ademais chea de ledicia a tódolos nenos que participan dela.

A iniciativa promovida polo Primavera do Cine pola que xa pasaron máis de 1000 cativos ó longo de todas as edicións, está destinada exclusivamente ós colexios. Polo tanto será necesario que o centro formalice a inscrición no correo electrónico cinemiudo@primaveradocine.com

O PROGRAMA DE CINE MIÚDO

A través de diferentes xogos e actividades, o programa de Cine Miúdo dividirase nun total de catro bloques nos que se explorará a vinculación da música co cinema.

A parte máis divertida chegará cando sexan os propios rapaces os que toquen diferentes instrumentos de percusión para facer, en directo, a banda sonora dun anaco de película. Así descubrirán o emocionante de facer música para o cine. Ademais terán a sorte de asistir a un pequeno concerto no que Casperverk interpretará o comezo da clásica banda sonora de Indiana Jones e o templo maldito e tamén á proxección dunha versión reducida da curtametraxe animada Felix Goes West, para que teñan todo un final de cine.

O TRÍO CASPERVEK

O trío Caspervek nace en 2013 co obxectivo de musicalizar filmes clásicos do cine mudo. Nosferatu, de Murnau; La casa encantada, de Segundo de Chomón ou incluso O emigrante, de Charles Chaplin son algunhas das obras ás que lles compuxeron unha nova banda sonora en directo.

Dende entón, Caspervek busca ofrecer unha experiencia audiovisual completa e, por iso, decide explorar dun xeito amplo as relacións existentes entre a música e o cine.

O festival Primavera do Cine, que se levará a cabo do 8 o 13 de maio, contará unha vez máis con eles para que poñan as notas musicais desta nova edición de Cine Miúdo.