Galegas de Cine

Galegas de Cine

Son moitas as mulleres galegas que enriqueceron e enriquecen co seu traballo a historia do
noso cinema, mais os seus nomes non abundan nas enciclopedias. Esta situación está a
ser solventada paseniñamente e, aos poucos, comezamos a (re)coñecelas. Este obradoiro
en dúas sesións é un pequeno gran de area nese urxente acto de xustiza.

 
PRIMEIRA SESIÓN

Dada a escasa presenza de galegas nacidas entre o 1875 e o 1975 en diccionarios,
enciclopedias, antoloxías ao uso sobre cinema, sobre cinema e feminismo, sobre directoras
de cine, sobre cine galego … vimos necesaria facer esta investigación para visibilizar a
labor de moitas profesionais que fixeron posible infinidade de proxectos no celuloide. Na
listaxe abondan as actrices, pero tamén atopamos exemplos salientables dentro do terreo
da producción, dirección, distribución… e por iso queremos compartilas contigo.

Imparte: Renata Otero

Licenciada en Belas Artes, doutora en Historia da Arte pola Universidade de Barcelona e
docente de Arte. Como teórica leva 20 anos impartindo seminarios, obradoiros e
conferencias en plataformas culturais diversas coma o CGAC ou o II Congreso Xénero,
Museos, Arte e Migración. Publicou artigos na revista feminista Andaina e é autora da tese Chantal Akerman: estratexias para a autorrepresentación. É, así mesmo, unha creadora
multidisciplinar que traballa a autorreferencia desde disciplinas tan diversas como a pintura,
a fotografía, a banda deseñada, o vídeo, a literatura, a performance, a escultura e a
instalación.

 
SEGUNDA SESIÓN

A sesión expón un rápido percorrido a través de fragmentos das películas de Xisela Franco, escollendo aquelas máis persoais como escusa para falar dun conxunto de maneiras de abordar o cinema documental desde a primeira persoa. Así coñeceremos diferentes aproximacións como o ensaio persoal, o documental autobiográfico, o diario filmado, o autorretrato, a auto-etnografía etc. A charla tamén propón fragmentos doutras cineastas galegas que traballan ou traballaron con diferentes “formas do eu”, en ocasións desde o videoarte, a non ficción ou o cinema experimental, como María Ruído, Diana Toucedo, Lara Bacelo, Claudia Brenlla, Bego M. Santiago, Xiana Gómez Díaz ou Lucía Estévez.

Imparte: Xisela Franco

Xisela Franco é artista e cineasta con prolífica traxectoria no documental e cine experimental. Licenciada en Comunicación Audiovisual e posteriormente en Humanidades pola UEM en Madrid, en 2006 recibe unha bolsa de posgrao para estudar un MFA en York University en Canadá. Nesa mesma universidade da clases como profesora asistente do teórico do cinema canadiense John McCullough. En Toronto vive catro anos nos que conecta coa vangarda experimental da cidade. Volve a Galicia no 2010 para formar parte dun momento único de primavera no audiovisual galego. O traballo de Xisela, a cabalo entre o cinema e a arte contemporánea, está sempre na procura de novos camiños da expresión audiovisual, cuestionando a identidade do cinema para revisalo e redefinilo. A súa obra percorreu museos, galerías e festivais de cinema internacionais.

 

* A cineasta Jaione Camborda non poderá asistir ao evento, tal e como figura no catálogo, por motivos persoais.

Evento

Galegas de Cine

Domingo 5 de maio / 11.30h
MUSEO MARCO