Gala de clausura

O peche da oitava edición do Festival Primavera do Cine terá lugar este domingo 5 de maio, Día Mundial da Lingua Portuguesa, ás 19 h. no Auditorio do Concello de Vigo. Nesta efeméride queremos conmemorar a irmandade entre Galicia e os países da lusofonía coa entrega dos oito premios que concede este festival ás cinematografías de ambas as dúas comunidades. A gala será conducida pola actriz galega Bea Campos e amenizada por Senza —unha banda portuguesa que nos achegará ás sonoridades dos países de fala portuguesa—, e polo Grupo Amador de Teatro Português do Instituto Camões. Así mesmo, proxectarase O meu poeta, unha fermosa curtametraxe de Hugo Portela Larisch que afonda no sentimento de saudade a través da música, a poesía e as lembranzas familiares.

Senza

No evento daranse a coñecer os gañadores dos seis premios que outorgará o público:

  • Longametraxe, curtametraxe e videoclip galegos.
  • Longametraxe e curtametraxe da lusofonía.
  • Curtametraxe de animación (galega e lusófona).
  •  

Pola súa banda, o terceiro xurado do Festival Primavera do Cine, composto por Alexandre Cancelo, Lola Correa, Anabel G. Penín e José Manuel López, tamén comunicará o seu palmarés, correspondente ao premio do xurado á mellor longamextraxe galega e ao premio do xurado á mellor longametraxe lusófona.

Nesta celebración da sétima arte e da irmandade galego-lusófona, non faltarán a emoción, o humor e, sobre todo, o cine. Non podería ser doutro xeito.

Xurado

Alexandre Cancelo

Estudou guión e dirección na AICB de Barcelona, especializándose en documental e formatos televisivos. Destaca como guionista e director xunto a Iago Martínez de Contra a morte, película documental baseada na vida de Lois Pereiro. Traballa como produtor ou guionista en proxectos como Cociñando na fin do mundo, estreada en Málaga e San Sebastián, Contrafaces, estreada en Play Doc e Visions du Réel, ou Aysha, premiada en Curtucircuíto. Este 2019 estrea a longa 7 Limbos, codirixida con Berio Molina, e a curta Ilha, retrato das sombras e ecos da illa de San Simón.

Anabel G. Penín

Licenciada en Dereito e Máster en Estudos de Xénero e Xestión de Políticas de Igualdade, formou parte da directiva do Cineclube Lumiére de Vigo entre 2002 e 2007. Cinéfila afeccionada dedica gran parte do seu tempo de ocio a desfrutar do cine nas salas comerciais e en festivais internacionais. Foi a responsable da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo durante oito anos, dende onde apoiou e promoveu actividades relacionadas coa visibilidade do cine feito por mulleres e de temática feminista. Ten asistido a varios cursos relacionados coa práctica cinematográfica.

Lola Correa

Actriz, docente de interpretación, dramaturga e xestora cultural. Está licenciada en Dramaturxia e Dirección de escena pola Real Escola Superior de Arte Dramática. Entre 2002 e 2017 dirixiu o Festival das Artes Escénicas de Vigo ALT. Impartiu clases de expresión corporal, e dirixe a aula de teatro para adolescentes de Gondomar. Imparte talleres de Training de interpretación e Escritura Creativa na UNED. Foi actriz durante dez anos en compañías afeccionadas e profesionais en traballos de teatro e cabaret. Traballou en publicidade, cinema e series de televisión.

José Manuel López

Crítico, programador e profesor de guión na Universidade de Vigo, actualmente ultima a súa tese titulada La última ciudad. Vagabundeos terminales por el cine contemporáneo. Desde 2012 imparte cursos de cinema no MARCO de Vigo e o CGAC de Santiago. Entre os anos 2007 e 2017 forma parte do consello de redacción de Caimán Cuadernos de Cine (anteriormente coñecida como Cahiers du cinéma. España). É fundador da revista Tren de sombras e asesor da Oficina de Cooperación Audiovisual da Academia Galega. En 2008 coordina o libro Naomi Kawase. El cine en el umbral.

Evento

Gala de clausura

Domingo 5 de maio / 19.00h
AUDITORIO MUNICIPAL DO CONCELLO