O VIII Festival Primavera do Cine proxectará 10 longametraxes galegas e lusófonas

Trote, do director Xacio Baño, Deslembro de Flavia F. Castro ou Os fillos da vide, un documental de Ana Domínguez, entre as obras seleccionadas nesta oitava edición do Primavera do Cine

A sección oficial de longametraxes comezará o próximo 1 de maio con No intenso agora de João Moreira Salles, unha obra que se proxectará de balde e ao aire libre no barrio do Calvario dentro da gala de inauguración do certame

Desde o 30 de abril e ata o 5 de maio o Festival Primavera do Cine dará comezo ás proxeccións da sección oficial cun total de 44 obras das que 10 son longametraxes. Todas as longas (excepto No intenso agora) exhibiranse no Auditorio do Concello.

A primeira en proxectarse será No intenso agora de João Moreira Salles, un documental que, a través de diferentes imaxes de arquivo falará dos eventos de maio do 68 en París, a Primavera de Praga e a Chinesa comunista de Mao. O filme poderase ver de balde no barrio do Calvario ( Rúa Urzáiz, 162) xa que formará parte tanto da gala de inauguración, que comeza ás 21.00, coma da actividade Cine nos Barrios. 

Fotograma No Intenso Agora

Doutra banda, entre as obras escollidas cabe destacar Trote de Xacio Baño, a primeira longa do director e que amosa a eterna loita entre a razón e o instinto e onde todo discorre nunha aldea durante a Rapa das Bestas. Un filme que xa ven de colleitar numerosos éxitos e que se puido ver en varios festivais internacionais de prestixio coma o de Locarno, San Sebastián ou Suíza. Ademais, non hai que esquecer que conseguiu 12 nominacións aos Goya 2019. Agora, esta obra rodada integramente en galego chega ao Primavera do Cine.

Quen tamén se estrea coma directora é Ana Domínguez con Os fillos da vide. Así, a cineasta rende unha homenaxe as súas raíces, ao mundo rural e vitícola de Valdeorras (Ourense). Hai que sinalar que este documental conseguiu facerse co premio ao mellor filme galego na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego.

Ademais, na oitava edición do Primavera do Cine tamén se poderá ver Deslembro, un filme de tintes autobiográficos da directora Flávia F. Castro e onde se poderá formar parte da vida de Joanna, unha adolescente que se ve obrigada a deixar París e volver coa súa familia a Río de Xaneiro na década dos 80. Neste caso, a obra ven de proxectarse en festivais tan sonados coma o Festival de Venecia 2018 ou CineEuropa 2018.

Fotograma Deslembro

SECCIÓN GALEGA E LUSÓFONA

O resto da sección oficial de longametraxes galegas completarase con Gallo, de Antonio Díaz Huerta e La felicidad de los perros de David Hernández.

Gallo é un documental que narra a historia de Aitor, un surfista cego que intentará conseguir o título de Campeón del Mundo de Surf Adaptado. A ópera prima de Antonio Díaz proxectouse no Festival de San Sebastián 2018. Doutra banda, La felicidad de los perros narra a crise existencial de César e a súa loita por saír adiante. O filme ven de proxectarse igualmente en festivais tan aclamados coma CineEuropa e, así mesmo, tamén conseguiu levarse o premio DCP Deluxe do Festival de Cine de Gijón 2018.  

Xa no apartado de obras lusófonas  poderanse ver tamén Alva, de Ico Costa, Ferrugem de Aly Muritiba, Extinção, de Salomé Lamas e Chuva é cantoria na aldeia dos mortos, João Salaviza e Renée Nader Messora.

Alva, a primeira longa de Ico Costa conta a historia dun crime e de como o seu protagonista decide agocharse nun bosque. O filme estreouse no Festival Internacional de Cinema de Róterdam e proxectouse tamén no Festival de Cine Independente IndieLisboa.

Ferrugem, do director brasileiro Aly Muritiba é outro dos filmes que competirán para levarse o galardón á mellor obra lusófona nesta oitava edición do Primavera do Cine. Nesta ocasión o cineasta decide afondar en temas coma o bullying, o acoso e as graves repercusións que poden ter nos adolescentes. Sen dúbida, Ferrugem é un filme imprescindible e que arrasou no Festival de San Sebastián onde gañou o Premio de la Industria Cine en Construcción 2017. Doutra banda, tamén participou na sección World Cinema Dramatic do Festival de Sundance.

Doutra banda, Extinção, o documental gañador do Premio Nuevas Olas – No ficción do Festival de Cine de Sevilla 2018 conta a historia de Kolja, un mozo de nacionalidade moldava, pero fiel a Transnistria, un país non recoñecido pola comunidade internacional e aínda inmerso na ideoloxía comunista.

Finalmente, Chuva é cantoria na aldeia dos mortos, Premio Especial do Xurado no Festival de Cannes 2018 e Premio Especial do Xurado no Festival Mar de Plata 2018 explora a vida dunha moza pertencente a unha tribo indíxena do norte do Brasil.

A excepción de No intenso agora, que será ao aire libre e de balde no barrio do Calvario, o resto das longametraxes poderanse ver no Auditorio do Concello de Vigo e, coma sempre, terán prezos populares. Deste xeito, cada pase custará 4 euros e poderase mercar no despacho de billetes do Auditorio do Concello dende media hora antes de que comece o filme.

Pódese consultar a sección oficial completa aquí.

SECCIÓN OFICIAL DE LONGAMETRAXES: LISTA COMPLETA DE OBRAS GALEGAS

Trote, Xacio Baño

Gallo, Antonio Díaz Huerta

Os fillos da vide, Ana Domínguez

La felicidad de los perros, David Hernández

SECCIÓN OFICIAL DE LONGAMETRAXES: LISTA COMPLETA DE OBRAS LUSÓFONAS

No intenso agora, João Moreira Salles

Deslembro, Flávia F. Castro

Alva, Ico Costa

Ferrugem, Aly Muritiba

Extinção, Salomé Lamas

Chuva é cantoria na aldeia dos mortos, João Salaviza, Renée Nader Messora