O Festival Primavera do Cine en Vigo abre mañá a recepción de traballos audiovisuais na súa VIII edición

I A rolda de prensa na que se presentarán as bases do certame terá lugar mañá ás 12.00h no Instituto Camões

I A organización avanzará tamén as principais novidades desta oitava edición que se celebrará do 1 ao 5 de maio

17.01.2019 O festival Primavera do Cine en Vigo presentará mañá, ás 12.00 h, no Instituto Camões (Praza Tenente Almeida, s/n), as bases para a admisión dos traballos audiovisuais da oitava edición do certame. Ademais, a entidade organizadora, Reencanto Produccións, tamén dará a coñecer as principais novidades do evento.

Neste novo certame, o Festival Primavera do Cine en Vigo manterase fiel aos seus valores e por iso continuará apostando por dar a coñecer o cinema galego e lusófono. Doutra banda e dado o éxito que colleitou en anteriores edicións, tamén promoverá actividades paralelas ao longo desas semanas en diferentes barrios da cidade co fin de espallar a cultura e os proxectos audiovisuais feitos en Galicia e na comunidade lusófona.

O FESTIVAL

Non cabe dúbida que o Festival Primavera do Cine é xa todo un referente cultural na propia cidade. De feito, o ano pasado non só acolleu a máis de 3300 asistentes senón que tamén bateu récords na participación de obras presentadas a concurso chegando a recibir máis de 300 filmes.

Así, na vindeira edición, que se celebrará do 1 ao 5 de maio, o festival buscará converterse na porta de entrada da lusofonía en Europa e seguirá a traballar por ofrecer una selección de filmes de gran calidade, aberto a todo o público, con prezos populares e colaborativo.