Galegas de Cine e Proxecto Remolque, dúas actividades novas para a oitava edición do Primavera do Cine

Proxecto Remolque, un obradoiro de cine experimental en celuloide e dirixida polo cineasta e proxeccionista Cris Lores, terá lugar o sábado 4 de maio ás 11.30 no Auditorio do Marco

Galegas de Cine, unha clase maxistral que mostrará o pasado e o presente das mulleres dedicadas a industria cinematográfica, celebrarase o domingo 5 de maio ás 11.30 no Auditorio do Marco e estará impartido pola docente Renata Otero e a cineasta Xisela Franco

O Primavera do Cine en Vigo, que comezará a súa sección oficial o 30 de maio e se estenderá ata o 5 de maio, estrea dúas novas actividades nas que cobrarán especial relevancia o cinema experimental en celuloide, co Proxecto Remolque, e a historia e o presente das mulleres vinculadas ao mundo cinematográfico con Galegas de Cine.

Así, Proxecto Remolque terá lugar o sábado 4 de maio ás 11.30, mentres que Galegas de Cine está prevista para o domingo 5 de maio ás 11.30. Ambos actos serán de balde e no Auditorio do Marco.

PROXECTO REMOLQUE

O Proxecto Remolque, dirixido por Cris Lores e acompañado polos cineastas Belén Veleiro e Alberte Pagán. é un obradoiro no que os asistentes, despois dunha pequena clase introdutoria e do visionado de diversos e orixinais obras que servirán de exemplo, poderán realizar ás súas propias películas en celuloide botando man de todo o que se lles ocorra. De feito, a cada participante se lles facilitará carretes de tráileres de filmes audiovisuais comerciais en 35 mm provenientes de antigos cines pechados ou suplantados polo DCP (o formato dixital que se usa na actualidade para facer as copias dos filmes) para que os transformen nunha obra propia e feita de maneira artesanal.

Sen dúbida, Proxecto Remolque será unha das actividades máis sorprendentes do Festival Primavera do Cine que, neste caso, achegará aos participantes unha nova forma de facer cine e no que se divertirán e aprenderán moito.

GALEGAS DE CINE

Doutra banda, Galegas de Cine é unha clase maxistral en dúas sesións impartida pola docente Renata Otero e a cineasta Xisela Franco. Nesta actividade explorarase o papel que tivo a muller en toda a historia cinematográfica e falarase tamén das mulleres vinculadas ao eido audiovisual na actualidade.

Renata Otero

Así, na primeira parte deste acto, que conducirá Renata Otero, abordarase o papel que tiveron as mulleres ao longo da historia do cine, xa que todavía existe un total descoñecemento do tema. O fin non é outro que dar a coñecer as grandes mulleres do cine, desde distribuidoras ata actrices, directoras de fotografía, de cine, produtoras.. Por suposto, tamén se falará de cales eran as profesións máis demandas na época e a razón disto.

A segunda parte desta actividade, impartida pola cineasta Xisela Franco,  tratará das cineastas galegas do presente. Debaterase sobre o concepto de muller cineasta como cuestión identitaria, proporcionaranse ferramentas para a realización de filmes con perspectiva de xénero e afondarase na influenza das teóricas feministas nas cineastas galegas da contemporaneidade.