Este luns comeza Viva Cuba, unha retrospectiva do cine cubano

Desde o luns 22 de abril e ata o xoves 25 o Primavera do Cine proxectará un total de 8 obras audiovisuais cubanas na que se poderá ver tanto a evolución política do propio país como parte da súa historia cinematográfica

Con entrada de balde, todos os pases serán nos Multicines Norte e en cada un se exhibirá primeiro unha curta e, despois, unha longametraxe

A retrospectiva comeza co visionado de Now! (1965) de Santiago Álvarez e Soy Cuba (1964) do aclamado director Mikhail Kalatozov e remata con Los minutos, las horas (2009) de Janaína Marques e Fresa y Chocolate (1993), un dos filmes máis premiados do país dirixida por Juan Carlos Tabío e Tomás Gutiérrez Alea

O Primavera do Cine comeza coas actividades paralelas da oitava edición do certame este luns día 22 con Viva Cuba, unha retrospectiva do cinema cubano que non só servirá para coñecer mellor a historia política do país ao longo dos anos, senón tamén para gozar da súa cinematografía, coñecer o seu avance e, por suposto, entender, a través dos filmes, o seu espírito revolucionario.

Deste xeito e conmemorando o 60º aniversario do triunfo da Revolución Cubana, o Primavera do Cine proxectará un total de 8 obras audiovisuais que van desde 1963 con Soy Cuba ata o 2009 coa curta Los minutos, las horas.  

Todos os pases serán de balde nos Multicines Norte e, en cada un deles, proxectarase primeiro unha curta e, a continuación, unha longa.

Viva Cuba é unha iniciativa organizada polo Primavera do Cine, pero tamén polo Consulado General de Cuba en Santiago de Compostela, o Consulado General de Cuba en Madrid e o Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC). Ademais, na retrospectiva colaboran o Ateneo Atlántico e a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil.

PROGRAMACIÓN VIVA CUBA

Así, o luns ás 19.50 poderase ver Now!, unha curta que narra a loita polos dereitos civís da poboación negra dos EE.UU nos anos 60, e Soy Cuba, un filme cubano-soviético que mostra a vida na illa pouco antes da revolución. A estrea foi un fracaso xa que non gustou a Cuba nin a Unión Soviética. Durante décadas estivo esquecida ata que en 1995 os cineastas Francis Ford Coppola e Martin Scorsese decidiron poñela de novo en circulación.

Fotograma Soy Cuba, de
Mikhail Kalatozov

Xa o martes ás 19.30 proxectarase a curta documental Por primera vez (1968) de Octavio Cortázar e Lucía (1968) de Humberto Solás. Na primeira documéntase a chegada do cine a unha comunidade rural e conta con Charles Chaplin coma protagonista. No caso de Lucía, móstranse tres episodios da historia de Cuba: A Guerra de Independencia, a década dos anos 30 e a dos anos 60 que narran as vidas de tres mulleres chamadas Lucía. O filme foi galardoado co Premio de Oro 1969 no Festival Internacional de Cine de Moscú.

Fotograma Lucía, de Humberto Solás

Para o mércores ás 20.00 está prevista a exhibición deLas manos (1976) de Juan Padrón, unha das grandes figuras da animación cubana. A obra, de claro ton irónico, fala das principais causas de accidentes nas mans durante o traballo con diferentes equipos. En Clandestinos (1987) de Fernando Pérez relátase a vida duns mozos que loitaron contra a tiranía de Batista na década dos 50.

O ciclo Viva Cuba remata o xoves 25 ás 20.00 coa exhibición de Los minutos, las horas (2009) de Janaína Marques e Fresa y Chocolate (1993), de Juan Carlos Tabío e Tomás Gutiérrez.

Fotograma Los minutos, las horas, de Janaína Marques

Así, Los minutos, las horas é unha curta estreada en Cannes 2010 e gañadora de múltiples premios en diferentes festivais coma o de San Sebastián, Múnic ou Biarritz, entre outros. A obra narra a vida de Yoli e a relación coa súa nai, habitantes dun barrio humilde de La Habana. Pola súa banda, Fresa y chocolate céntrase en David, un universitario que forma parte da Juventud Comunista e onde a súa filosofía e valores comezan a cuestionarse ao facerse amigo de Diego, artista homosexual. A cinta, unha das máis premiadas do país, pretende facer unha reflexión sobre os estereotipos e os prexuízos da época así coma a discriminación existente.