O Primavera do Cine en Vigo presenta os membros do xurado

  • Burghard Baltrusch, Analía G. Alonso, Celso López Pazos e Sara Traba serán os encargados de escoller as mellores longametraxes da VII edición do Primavera do Cine
  • O festival repartirá un total de oito galardóns entre os filmes e videoclips da sección oficial, seis dos cales serán outorgados polo público e dous polo xurado

A sétima edición do Festival Primavera do Cine en Vigo, que terá lugar entre o 8 e o 13 de maio, contará cun xurado composto por diversas personalidades de recoñecido prestixio e procedentes, na súa mayoría, do mundo audiovisual, que serán os encargados de seleccionar as mellores longametraxes presentadas a concurso.

O xurado estará formado polo profesor de literaturas lusófonas da Universidade de Vigo Burghard Baltrusch, quen conta no seu currículo con diversos libros publicados como O que transformou o mundo é a necessidade e não a utopia – Estudos sobre utopia e ficção em José Saramago; a produtora executiva e directora de producción Analía G. Alonso, que traballou en proxectos cinematográficos como Desde Dentro ou O tempo futuro, obra galardoada co premio do público á mellor película na anterior edición do Primavera do Cine; Celso López Pazos, crítico cinematográfico con máis de mil artigos publicados en medios como Faro de Vigo, Atlántico Diario, La Voz de Galicia ou A Nosa Terra e a cineasta Sara Traba, autora da curta As vacas de Wisconsin, proxectada no Primavera do Cine e premiada en diferentes festivais.

Asi mesmo, o Primavera destaca por ser un festival de caracter popular, outorgando os galardóns ás mellores curtametraxes e longametraxes galegas e lusófonas así como ó mellor videoclip, en base ós votos dos propios asistentes ó certame.

O festival ofrecerá nesta vindeira edición un total de 33 curtametraxes e 11 longametraxes que se proxectarán no auditorio do Concello de Vigo, o Instituto Camões, os Multicines Norte, o MARCO e a Sala Ingrávida.

Ademais, o Primavera do Cine programará diversas actividades paralelas, entre as que destacan a master class que impartirá o cineasta Álvaro Gago ou o cine ó aire libre. Todo co mesmo obxectivo: servir como lanzadeira  e dar apoio ós proxectos audiovisuais galegos e lusófonos que se están a facer actualmente.

O XURADO

Tanto Burghard Baltrusch como Analía G. Alonso, Celso López Pazos e Sara Traba contan cunha recoñecida traxectoria e deberán seleccionar as mellores películas da sétima edición do Primavera do Cine. Un palmarés que se anunciará na derradeira xornada do festival, o 13 de maio.

Burghard Baltrusch é profesor de Literaturas Lusófonas e presidente da I Cátedra Internacional José Saramago na Universidade de Vigo. É investigador principal do grupo BiFeGa- GAELT da mesma universidade onde desenvolve proxectos sobre as obras de Fernando Pessoa e José Saramago, a poesía actual e a teoría da tradución.

Tamén foi presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos e coordinou varios programas de doutoramento e congresos internacionais. Actualmente coordina o proxecto “Poesía actual y política”.

Entre outros, publicou ou (co) editou libros como Lupe Gómez: libre e estranxeira – Estudos e traducións, O que transformou o mundo é a necessidade e não a utopia – Estudos sobre utopia e ficção em José Saramago ou Non-Lyric Discourses in Contemporary Poetry.

Analía G. Alonso, licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e con  formación en produción e xestión de audiovisuais, compaxina o seu traballo desenvolvendo e xestionando proxectos para diferentes produtoras con tarefas de produción e guión en proxectos cinematográficos propios na produtora Y la nave va.

No seu currículo como produtora executiva e directora de produción destacan as curtametraxes Desde Dentro de Samuel Lema e A liña política de Santos Díaz, e o documental O tempo futuro dirixido por Xoan Escudeiro e que gañou o premio do público a mellor longametraxe no Primavera do Cine 2017 e estivo nomeada ós Mestre Mateo.

Celso López Pazos é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela.  Actualmente está xubilado, despois de dedicarse durante máis de trinta anos a docencia en centros públicos de ensino secundario e escribir máis de mil artigos de crítica cinematográfica.

Ó longo da década dos oitenta realizou crítica cinematográfica en La Hoja del Lunes,  Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Diario de Galicia ou Atlántico Diario. Durante os noventa, foi colaborador durante varios anos do programa semanal de cine A Xanela do Maxín, en Radio Ecca. Ademais, durante vinte anos traballou como crítico cinematográfico no semanario A Nosa Terra.

Celso López é tamén Presidente Asemblea Republicana de Vigo e membro fundador de EsCULca, observatorio para a defensa das liberdades públicas.

Sara Traba licenciouse en Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela. Tras rematar os seus estudos universitarios fórmase coma cineasta cursando a diplomatura de Cinematografía en Bande À Part, Escuela de cine de Barcelona, na especialidade de dirección e guión.

A curtametraxe As vacas de Wisconsin é un dos seus traballos máis recentes coma directora e guionista. O filme recibiu numerosos premios e seleccións en diversos festivas nacionais e internacionais.