CABRA, MARCADO PARA MORRER. Eduardo Coutinho

Se a obra deste director brasileiro fose un achado arqueolóxico, resultaría ser un con diversas capas superpostas, con varios niveis de poboamento prensados uns enriba dos outros. Como algún cadro de Antonio López, a superficie está raspada para que se vexan as distintas posibilidades que probou o pintor e, por extensión, exposta á vista de quen se pasea pola galería, a propia experiencia de pintar a obra, fundida coa realidade que pretende retratar.
Eduardo Coutinho (São Paulo, 1933 – Rio de Janeiro, 2014) probou a pintar Cabra, marcado para morrer varias veces. Nos sesenta, Coutinho viña de estudar cine en París e de participar no lanzamento do movemento do Cinema Novo, que virou as cámaras cara á convulsa realidade social e política do Brasil da época. Decidido a retratar as loitas dos sectores campesiños pola reforma agraria e a mellora das condicións de vida, viaxou á cidade de Sapé, a Rexión Nordeste, para documentar a vida de João Pedro Teixeira, líder das Ligas Camponesas asasinado por mandato de latifundistas en 1962. Coutinho quixo, xa entón, superar os límites entre ficción e realidade e empregar os personaxes reais (entre eles, Elizabeth Teixeira, viúva de João Pedro). O golpe militar de 1964 puxo fin á filmación, que se perdeu no silencio da ditadura e no tempo.

Nos oitenta, co declive do réxime, Coutinho topou cos negativos de Cabra, marcado para morrer e decidiu
embarcarse nun reto dobre: recrear a historia do líder camponés, como había vinte anos, e revivir o proxecto da súa filmación. E así, regresou: ás mesmas personaxes, á mesma Elizabeth Teixeira, á mesma historia, matizadas todas elas polo transcurso de dúas décadas.
O produto é Cabra, marcado para morrer, un extraordinario xogo de superposicións que, non obstante, acadan unha forza e unha sutileza no retrato das realidades do campo brasileiro que dificilmente poderían terse acadado mediante unha historia lineal.
En Coutinho, a vocación documental é tal que o método cinematográfico en si fai parte do tema da película: a cámara está na escena. No paroxismo deste principio, nunha ocasión Coutinho reuniu o seu equipo e se presentou en Sítio Araçás, unha comunidade rural nas profundidades de Paraíba. Non había investigación previa, non había temática definida, non había personaxes, non había nada máis que o que puidese presentarse diante do obxectivo.

Desa experiencia naceu O fim e o princípio (2005), un marabilloso retrato da evanescente comunidade camponesa de Araçás, e quizais un interesante epílogo para Cabra, marcado para morrer.

Por Alexandre Casal Vázquez

Cabra, marcado para morrer

Eduardo Coutinho.
DOCUMENTAL | 119’ | 1984

Início da década de 60. Um líder camponês, João Pedro Teixeira, é assassinado por ordem dos latifundiários do Nordeste. As filmagens de sua vida, interpretada pelos própios camponeses, foram interrompidas pelo golpe militar de 1964.
Dezessete anos depois, o diretor retoma o projeto e procura a viúva Elizabeth Teixeira e seus dez filhos, espalhados pela onda de repressão que seguiu ao episódio do assassinato. O tema principal do filme passa a ser a trajetória de cada um dos personagens que, por meio de lembranças e imagens do passado, evocam o drama de uma família de camponeses durante os longos anos do regime militar.

Filme

Cabra, marcado para morrer

Mércores 9 de maio / 19.30h

AUDITORIO DO CONCELLO