O Primavera do Cine organiza unha mostra de cine brasileiro

 

  • Na súa sétima edición, o Festival Primavera do Cine terá a Brasil como país convidado apostando un ano máis pola internacionalización e a lusofonía.
  • A mostra de cine brasileiro celebrarase entre o 30 de abril e o 3 de maio e os filmes serán proxectados de balde nos Multicines Norte.

A sétima edición do Primavera do Cine en Vigo contará cun ciclo de cine brasileiro do 30 de abril ó 3 de maio grazas á colaboración coa Embaixada de Brasil en Madrid, a Fundación Cultural Hispano Brasileña e o Ateneo Atlántico.

Un ano máis o Festival Primavera do Cine aposta por ofrecer unha mostra de filmes do país convidado. Se na edición anterior o protagonista foi Angola, este ano o elixido é Brasil, un dos países de maior tradición cinematográfica de toda América e que, polo seu uso da linguaxe e a forma propia de facer cine, sempre estivo considerado como un dos referentes da vangarda da sétima arte.

Nesta ocasión os filmes que se exhibirán son catro, tratando de ofrecer unha variada retrospectiva do cine que se está a facer actualmente en Brasil. A sede escollida para o ciclo é Multicines Norte e os pases realizaranse sempre á mesma hora, 20:10, durante cada un dos catro días.

AS PELÍCULAS DA MOSTRA DE CINE BRASILEIRO

O ciclo abrirase o luns día 30 de abril con O filho eterno de Paulo Machline, un drama ambientado no ano 1982, no que un aspirante a escritor afronta o nacemento do seu fillo con Síndrome de Down.

O 1 de maio a mostra continuará con O silencio do céu de Marco Dutra, un intenso thriller protagonizado por Leonardo Sbaraglia que aborda o tema da violación, os segredos familiares e o sentimento de culpa.

O día 2 será a quenda de O pequeño segredo de David Schürmann, un filme construído a través de tres pequenas historias entrelazadas en torno a unha nena e un segredo e como o destino pode unir a persoas de todas as partes do mundo. Esta película foi a escollida para representar a Brasil nos Óscar de 2017 e no mesmo ano alzouse co Gran Premio do Cinema Brasileiro ós mellores efectos visuais concedido pola Academia Brasileira de Cinema.

Por último, o 3 de maio pecharase o ciclo coa proxección de Sob pressão de Andrucha Waddington, unha cinta que se mete de cheo no día dun cirurxián de urxencias dun hospital ó que chegan á vez un traficante, un policía militar e un neno de familia rica, todos eles envoltos nun tiroteo nunha favela. Tanto o actor principal, Julio Andrade, como un dos actores de reparto, Stepan Nercessian, foron galardoados polas súas actuacións no Festival de Río 2016.

Con esta mostra o Festival Primavera do Cine, que terá lugar do 8 ó 13 de maio, reivindica a enorme calidade e a diversidade dun cinema brasileiro que sempre sorprende.