Gala de clausura

A gala consistirá nun espectáculo onde terán cabida o cine, a música e o humor para acompañar unha emotiva entrega de premios.

O NOSO XURADO
Por segundo ano consecutivo, o festival conta cun xurado composto por catro profesionais relacionados
co cinema dende diversos ámbitos: dirección, guión, produción, docencia ou crítica, entre outros.

 

Analía G. Alonso

Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e con formación en produción audiovisual, traballa desenvolvendo e xestionando proxectos para diferentes produtoras. Tamén leva a cabo tarefas de guión e produción en proxectos cinematográficos propios a través da produtora Y la nave va. Como produtora executiva e directora de produción traballou, entre outros títulos, nas curtametraxes Desde Dentro de Samuel Lema e A liña política de Santos Díaz, e o documental O tempo futuro dirixido por Xoan Escudero, que gañou o premio do público á mellor longametraxe no Primavera do Cine 2017 e estivo nomeada aos Mestre Mateo.

Sara Traba

Sara Traba licenciouse en Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela. Tras rematar os seus estudos universitarios fórmase coma cineasta cursando a diplomatura de Cinematografía en Bande À Part, Escuela de cine de Barcelona, na especialidade de dirección e guión. A curtametraxe As vacas de Wisconsin é un dos seus traballos máis recentes como directora e guionista. O filme recibiu numerosos premios e seleccións en diversos festivas nacionais e internacionais.

Celso López Pazos

Celso López Pazos é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Ao longo da década dos oitenta realizou crítica cinematográfica en La Hoja del Lunes, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Diario de Galicia ou Atlántico Diario. Durante os noventa, foi colaborador durante varios anos do programa semanal de cine A Xanela do Maxín, en Radio Ecca. Ademais, durante vinte anos traballou como crítico cinematográfico no semanario A Nosa Terra. Celso López é tamén Presidente da Asemblea Republicana de Vigo e membro fundador de EsCULca, observatorio para a defensa das liberdades públicas.

Burghard Baltrusch

Burghard Baltrusch é profesor de Literaturas Lusófonas e presidente da I Cátedra Internacional José Saramago na Universidade de Vigo. É investigador principal do grupo BiFeGa- GAELT da mesma universidade onde desenvolve proxectos sobre as obras de Fernando Pessoa e José Saramago, a poesía actual e a teoría da tradución. Tamén foi presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos e coordinou varios programas de doutoramento e congresos internacionais. Actualmente coordina o proxecto “Poesía actual y política”.

Evento

Gala de clausura

Domingo 13 de maio / 19.00h
AUDITORIO MUNICIPAL DO CONCELLO