O Festival Primavera do Cine estrea nova imaxe e adianta contidos da VI edición

  • A entidade organizadora, Reencanto Produccións, presentou esta mañá o cartel da VI edición do certame
  • O Festival contará coa presenza do cineasta angoleño, Zézé Gamboa, de proxección internacional
  • A decisión da Xunta de Galicia de retirar a axuda económica por un «erro de forma» está cifrada nunha merma de 9.000 euros de orzamento

A organización do Festival Primavera do Cine en Vigo presentou esta mañá, na Fundación Sales, o cartel oficial da que será a súa VI edición consecutiva. A peza deseñada pola profesional viguesa María Llauger, pretende plasmar a esencia do cinema nunha composición que vai do abstracto ao figurativo. A primavera, as cores e o cinema cobran vida nun cartel que ten, en palabras da artista, «vontade de conectar con nenos e adultos por igual». O certame terá lugar entre o 5 e o 14 de maio na cidade olívica. A Asociación Cultural Reencanto Produccións, como entidade organizadora, en colaboración co Concello de Vigo e o Instituto Camoes, anunciou a ampliación da oferta cultural do evento que contará coa presenza de cineastas de recoñecemento internacional coma o angoleño, Zézé Gamboa ou a master class do galardoado con dous premios Goya, Alberto Vázquez.

O FINANCIAMENTO

O pasado martes a Xunta de Galicia anunciaba a retirada das axudas aos festivais Primavera do Cine, Cans, Curtocircuito, Cineuropa e Freakemacine por un erro de forma na presentación da documentación solicitada polo Agadic. O director do Primavera do Cine, Juan de Castro, subliñou que hai presentado un recurso formal xa que «trataron de presentar vía telemática a documentación e había un erro no sistema informático». Era o primeiro ano que a solicitude de axudas debía ser realizada por procedemento online de xeito obrigatorio. Trala reunión da dirección co Presidente de Agadic, Jacobo Sutil, o Festival Primavera do Cine terá que agardar a que AMTEGA dirima «se o erro foi da plataforma ou dos solicitantes». A situación actual depende, en boa medida, desta decisión xa que o orzamento do evento viuse reducido en 9.000 euros e obrigaría a unha «merma nas actividades». De Castro amosaba a súa inquedanza pola actitude dunha institución que ten a «obriga e velar por este tipo de accións culturais» anuncia unha resposta conxunta por parte dos festivais que conforman a Coordinadora de Festivais de Cinema de Galicia xunto con outros organismos do audiovisual. O Festival Primavera do Cine convidou ao Concello a defender o «festival máis grande que ten a súa cidade».

O FESTIVAL

O certame manterá, na presente edición, as súas tres categorías orixinais: curtametraxe, longametraxe e videoclip. Ademais, por segundo ano consecutivo e con intención de permanencia, o festival engadirá categorías de competición para filmes de países lusófonos. Nesta liña, contará coa asistencia do cineasta angoleño, Zézé Gamboa, que presentará a súa longametraxe de máis recoñecemento, O grande Kilapi. Como principal novidade, este ano o festival contará cun xurado internacional formado por profesionais do sector audiovisual que concederá o premio do xurado ás mellores longametraxes galega e lusófona, respectivamente. Así mesmo, a organización manterá o tradicional premio do público, outorgado mediante votación popular. Tamén de xeito pioneiro, e dada a tradición e calidade deste xénero cinematográfico, o festival promove a creación dunha sección exclusiva dedicada á animación, concedéndolle un galardón propio e diferenciado.

A modo de marco de encontro e con obxectivo de dotar de contido ao festival, a organización ten programadas unha serie de actividades paralelas. Entre elas destaca a master class do director coruñés, Alberto Vázquez, galardoado con dous premios Goya na presente edición. Está prevista unha homenaxe ás Xornadas de cinema desenvolvidas desde 1984 no Carballiño, denominadas XOCIVIGA, e consideradas como pioneiras do audiovisual galego moderno. A idea desta iniciativa é reflexionar sobre o paradigma e as tendencias do sector na actualidade, recuperando o espírito deses encontros e servindo de pulo ao cinema galego.

Como efeméride do 120 aniversario da primeira proxección audiovisual na cidade de Vigo, no teatro-circo Tamberlick o 29 de abril de 1897, está prevista unha rememoración desa cita na que Vigo «respirou cine»; exercendo deste xeito unha labor de salvagarda histórica cun pase das pezas orixinais restauradas, cedidas polo Instituto Lumière de Lyon. Está prevista a participación das Escolas de Audiovisual de Vigo e Pontevedra así como o descubrimento dunha praca conmemorativa. Esta edición manterá a tradicional actividade Cine miúdo, na que participarán máis de 500 escolares de Educación Primaria que asistirán a proxeccións de cinema clásico musicalizadas pola agrupación viguesa Trío Caspervek. Resulta fundamental, na presente convocatoria, a vontade de implicación da área académica e estudantil para dar a coñecer á canteira e futuro do sector. Para rematar, o Marco de Vigo acollerá unha sesión ao solpor de cinema e concerto tras do museo, que o ano pasado gozou de grande aceptación entre os asistentes.

Deixe unha resposta