O Primavera do Cine acolle a estrea en festivais de ‘Sísifo Confuso. Traballos e días de Francisco Leiro’

  • A presentación do documental sobre o escultor cambadés incluirá un coloquio co director Aser Álvarez e a actuación musical de Deteriorados, dúo composto por Xaime Fandiño e Alfonso Álvarez
  • A programación deste mércores tamén contempla a estrea española de ‘La Declaración de los Objetos’, filme de Cristóbal Arteaga que presentará parte do seu equipo

Francisco Leiro, o cambadés máis universal e autor de toda unha icona viguesa como é o Sireno, protagoniza o documental Sísifo Confuso, Traballos e días de Francisco Leiro. Segundo o director, Aser Álvarez, o filme “non pretende ser unha biografía nin tampouco unha presentación da obra, senón simplemente mostrar cales son as condicións físicas e mentais do proceso de creación deste escultor na actualidade”. A produción supuxo o acompañamento ao escultor e pintor ao longo de tres anos polos talleres que Leiro ten en Cambados, Madrid e Nova York. O resultado deste coidado traballo é unha viaxe cara o particular imaxinario do artista galego máis recoñecido internacionalmente. O mesmo director do documental, Aser Álvarez, visitará o Primavera do Cine para presentalo ante o público. O evento complementarase cunha actuación musical do dúo Deterioriados, composto por Xaime Fandiño e Alfonso Álvarez. A cita terá lugar ás 22 h. no Auditorio do Concello de Vigo.

Previamente, a partir das 20 h, no mesmo auditorio, celebrarase a estrea española de La declaración de los objetos, longametraxe dirixida polo chileno Cristóbal Arteaga. Pablo Kaufmann, director de fotografía, Alfredo Rodríguez, actor, e Bernardo Loira, xefe de produción do filme, serán os encargados de presentar esta escura e apaixonante historia de amor.

A programación do día completarase coa proxección de varios bloques de curtametraxes, un deles de animación, no Instituto Camões e no Auditorio municipal.

Deixe unha resposta