O Instituto Camões, irmáns do Primavera do Cine

O Instituto Camões, situado nas históricas e monumentais casas de Arines e Pazos Figueroa do casco antigo vigués, dedícase desde 1998 ao valioso labor de difundir a cultura portuguesa en Galicia. Á parte dunha máis que interesante biblioteca, a institución conta con varias aulas onde se imparten innovadores cursos de Língua Portuguesa e unha sala multiusos dispoñible para diferentes talleres, exposicións ou ciclos de cinema. A súa constante actividade divulgativa xunto cunha aberta política de cooperación coas institucións galegas, fan do Camões unha auténtica embaixada cultural de obrigada visita.

A participación do Instituto no Festival Primavera do Cine comezou xa fai dous anos, como sede da homenaxe que baixo os auspicios do festival se celebrou ao redor da figura do cineasta Manoel de Oliveira. O éxito desa iniciativa propiciou o diálogo e a intensificación de relacións, vencello inevitable grazas a amabilidade de Carla, Rita e João. Así, o Camões convértese outro ano máis nunha das nosas sedes oficiais. Asemade, desenvolve un magnífico traballo de difusión das bases do concurso e da mostra por institutos audiovisuais e organismos diversos, incluíndo a Cinemateca Portuguesa. Finalmente, actúa como nexo de unión con persoalidades da cultura lusófona que poidan intervir nesta vindeira edición.

Texto: Alfonso Castaño

Deixe unha resposta