Conversa con Gonzalo Cotelo

Como xurdiu a idea de Mamma?

Eu xa viña rumiando a idea de facer unha curta en plano secuencia dende facía un tempo, ademais do ¨xogo¨ cos diferentes idiomas e a falta de subtítulos. Cando vives unha tempada no estranxeiro é bastante común que te atopes nunha situación onde ninguén fala a tua lingua e é realmente unha sensación moi desconcertante, quería trasladar esa incertidume ó espectador. O filme “Nove Vidas” do director Rodrigo García ou “Victoria” foron dous referentes claros a seguir.

O traballo de Ilaria Del Gaudio é moi salientable. É actriz profesional?

Ilaria está todavía a terminar a súa formacion coma actriz de teatro nunha escola de Roma e eu augúrolle unha longa carreira porque aínda ten moitísimo tempo por diante. De feito ¨Mamma¨ foi a súa primeira experiencia traballando coa cámara e díxome que o feito de rodar sen cortes axudou moito ao seu proceso actoral. Ten unha enerxía incrible, comprométese ao cento por cento en cada un dos proxectos nos que intervén e é moi esixente co seu traballo.

En que estás a traballar agora?

Neste momento levo case dous meses vivindo e traballando en Kuwait para unha produtora inglesa que se dedica a facer video corporativo e institucional. Non sei canto tempo aguantarei tan lonxe de casa pero polo momento esta sendo unha experiencia incrible. No meu tempo libre aproveito para ir rematando a postprodución de outras dúas curtas que rodei este verán xunto con ¨Mamma¨.

Como ves o audiovisual galego? Tes proxectos aquí?

A verdade é que o vexo nun momento particularmente sano onde se están a facer moitas cousas, moi interesantes e de calidade, e que ademáis funcionan xenial cando saen por ahí fora acadando premios e recoñecemento. Eu só levo sete anos traballando profesionalmente no audiovisual pero sempre tiven a sensación de que Galicia era un “xigante durminte” en canto a talento creativo e técnico, e dame moita alegría ver que estamos espertando e que estamos a colaborar mais entre nós e a facer cine galego cunha sensibilidade galega. Dos meus dias no audiovisual galego sigo en contacto con varios compañeiros cos que traballei no seu momento. Polo momento ainda non teño ningún proxecto pero espero telo nun futuro non moi lonxano, ideas non faltan.

Por que vía creativa te sintes máis atraído? Cine narrativo, experimental?

Cine narrativo sen dúbida.  Eu son un tanto clásico nos meus gustos cinematográficos, ainda que cada vez valoro máis a orixinalidade narrativa e a coraxe á hora de contar unha historia; pero ten que haber unha historia e tes que contala ben. Sen historia non hai filme, e isto é aplicable a calquera tipo de produción audiovisual.

Outra pregunta tópica: aínda que tes unha carreira moi enfocada cara o vídeo de deseño, nos menos de 5 minutos de Mamma desenvolves un estilo eminentemente cinematográfico (guión elaborado, ritmo, movementos de cámara), tes pensado dirixir algunha longametraxe?

Pois ese é o meu soño, a miña meta e a razón para estudiar realización. Son consciente de que todavía levo moi poucos anos de profesión e de que isto é unha carreira de fondo, pero estou namorado deste oficio (contar historias) e creo sinceramente que hoxe en día facer unha longametraxe está cada vez ao alcance de máis xente. Un dos meus proxectos, se ¨Mamma¨ xenera certa inercia, é poder utilizar a curta para facer o pitch da longametraxe, do que teño escrito un tratamento de guión. Gustaríame ter a ocasión de contar a historia completa destes dous personaxes.

Deixe unha resposta