Unha gran festa para rematar a nosa quinta edición

Tras nove días de proxeccións, ás 19 h. desta tarde no Auditorio do Concello de Vigo terá lugar a gala de clausura da quinta edición do Festival Primavera do Cine, unha cita presentada por Alberto Cunha na que cinema e espectáculo están garantidos.

Como punto de partida, silencio e escuridade recibirán ao público do Auditorio. Así comezará STRPTS (estriptis), unha inquedante performance de Cinema Sticado. STRPTS é unha historia de intriga por episodios creada en vivo e en directo sobre o escenario e retransmitida audiovisualmente in situ, en tempo real e nunha gran pantalla.

O director do Instituto Camões, João Ribeirete, presentará a única proxección da gala, O Velho Do Restelo, o derradeiro filme de Manoel Oliveira, unha curta na que Luís de Camoes, Cervantes (transfigurado no Quixote), Camilo Castelo Branco e Teixeira de Pascoaes se reúnen  nun xardín do século XXI para reflexionar sobre as súas obras e outros asuntos de índole filosófica.

E, por suposto, os premios. Persoeiros senlleiros da cultura e o audiovisual da nosa cidade, farán entrega dos cinco galardóns decididos polas votacións do público ao longo do festival. Xunto cos premios, haberá unha mención honorífica. Para esta edición, Primavera do Cine escolleu o labor de Pallasos en Rebeldía, colectivo militante que leva e levou sorrisos a miles de persoas de todo o mundo, incluíndo as comunidades indíxenas, o pobo palestino e as persoas refuxiadas da actual crise humanitaria nas fronteiras europeas.

Tras da gala, pinchos e bebidas agardarán aos asistentes á saída do Auditorio, momento para comentar a gala, interactuar cos premiados ou simplemente desfrutar do último día de Primavera do Cine.

Deixe unha resposta