O Primavera dedícalle unha retrospectiva a Alberto Estévez Piña

Mañá mércores a partir das 19:30 h. no Auditorio Municipal, teremos a oportunidade de asistir á retrospectiva que o festival lle dedica a un cineasta galego a reivindicar como é Alberto Estévez Piña. O acto, que incluirá a proxección de dous dos seus documentais máis trascendentes, será presentado por Julio Pérez Perucha, Presidente da Asociación Española de Historiadores do Cine. Como remate, realizarase unha mesa redonda na que contaremos coa presenza do propio Estévez Piña, Julio Pérez Perucha e Ángel Vázquez de la Cruz (Voz en Off de Romería da Morte). Agardamos a participación do público.

A filmografía de Estévez Piña é un perfecto exemplo da importancia do cine como testemuña do seu tempo. Romería da morte (1974) pasa por ser unha das películas máis rechamantes dentro do “Rexurdimento” do cinema galego na década dos 70. Un filme que se move con determinación polo documental mais que desprende continuas perspectivas alegóricas de carácter político. O filme xorde do desexo de Estévez Piña de facer unha reportaxe sobre a Romería de Santa Marta de Ribarteme, no Concello das Neves. O rito celebra unha exhortación á morte coa súa célebre procesión de cadaleitos de vivos. A intención inicial do director tudense, realizar unha reportaxe de carácter xornalístico, devén nunha dura crítica social e á invocación dunha necesidade de cambio.

Después del silencio é un documento único sobre as eleccións lexislativas de 1977. A cámara do director é testemuña de distintos mítins de diferentes forzas políticas, recollendo a súa parafernalia electoral, as súas proclamas e as figuras dos seus líderes: Santiago Álvarez, Santiago Carrillo, Felipe González, Manuel Fraga… Trátase dun interesante documento histórico onde se recolle o tempo dunha época en Galicia: a Transición Española.

Pero hoxe tamén temos cine. A programación da xornada concéntrase no Auditorio MARCO e dará comezo ás 17 h. Tanto nas proxeccións do Bloque 1, como nas do Bloque 2 e Bloque 3  contaremos coa presenza de varios dos directores e compoñentes do equipo da meirande parte das curtas.

 

Deixe unha resposta