O Instituto Camões repite no Primavera do Cine

 

O Instituto Camões, situado nas históricas e monumentais casas de Arines e Pazos Figueroa do casco antigo vigués, dedícase desde 1998 ao valioso labor de difundir a cultura portuguesa en Galicia. Á parte dunha máis que interesante biblioteca, a institución conta con varias aulas onde se imparten innovadores cursos de Língua Portuguesa e unha sala multiusos dispoñible para diferentes talleres, exposicións ou ciclos de cinema. A súa constante actividade divulgativa xunto cunha aberta política de cooperación coas institucións galegas, fan do Camões unha auténtica embaixada cultural de obrigada visita.

A participación do Instituto no Primavera do Cine comezou a pasada edición, como sede da homenaxe que baixo os auspicios do festival se celebrou ao redor da figura do cineasta Manoel de Oliveira. O éxito desa iniciativa propiciou o diálogo e a intensificación de relacións, vencello inevitable grazas a amabilidade de João e Rita. Así, o Camões convértese este ano nunha das sedes oficiais do festival. Asemade, desenrola un magnífico traballo de difusión das bases do concurso por institutos audiovisuais e organismos diversos, incluíndo a Cinemateca Portuguesa. Finalmente, actúa como nexo de unión con personalidades da cultura lusófona que poidan intervir nesta vindeira edición, a primeira, por certo, na que os filmes lusófonos poderán optar a premio.

Deixe unha resposta