O Audiovisual Galego e a súa interacción co público

Ás 19 h. desta tarde no marco do Primavera do Cine, a Casa Galega da Cultura acollerá un coloquio entre tres grandes profesionais da cultura e avezados comunicadores: Antón Reixa, Moncho Lemos e Xosé Xoán Cabanas. Tratarase dun debate aberto co obxectivo de reflexionar sobre a visión que ten o público galego acerca do seu audiovisual; acotando a presenza de tópicos culturais e profesionais, e pulsando a relación emocional dos galegos coa súa televisión e o seu cinema. Entre outros temas, falarase tamén das vías de contacto entre o público e os produtos audiovisuais.

OS POÑENTES

Antón Reixa, escritor, músico, director e produtor, é un dos nomes máis representativos do audiovisual galego dos últimos anos. Figura poliédrica da creación e a dinamización cultural en Galicia.

Moncho Lemos é periodista cinematográfico, redactor e presentador de televisión. Edita contidos e formatos para emisións e canles da TVG, e colabora habitualmente co festival Cineuropa. Actualmente podemos escoitalo en Fondos Reservados, programa da Radio Galega de temática musical.

Xosé Xoán Cabanas está considerado un dos pais do audiovisual galego moderno pola súa dilatada carrera como produtor, que vai dende O pai de Migueliño (1974) ata A casa da luz (2008), pasando por Urxa, unha das primeiras longametraxes en galego. O seu compromiso está coa cultura, apostando pola creación dunha cinematografía propia e autosuficiente.

Deixe unha resposta