Frankenstein-04155 e Miguelanxo Prado aterran no Primavera

  • O Instituto Camões acollerá un coloquio sobre as vías de colaboración entre as cinematografías galega e lusófona
  • Tres bloques de curtas lusófonas inaugurarán a programación do festival no Auditorio do Marco

As proxeccións no Auditorio do Concello de Vigo darán comezo ás 17.00 horas cun bloque de curtametraxes galegas, entre as que podemos atopar títulos coma Unary, de Luís Avilés Baquero, que relata o proceso de reinserción social dun preso tras 20 anos na cárcere; ou Freedom To Kill The Other’s Children, de David Varela, que documenta a captura e liberación de Gilad Shalit, un soldado israelí capturado por Hamas. Ás 18.30 horas pasarémosnos á animación con De Profundis. Contaremos coa presenza do seu autor, Miguel Anxo Prado. De Profundis, que foi nomeada ao Goya a mellor película de animación, explora o mundo imaxinario dun pintor que soña con navegar entre as medusas e as estrelas de mar.

Ás 20.00 horas comezará unha sesión de documental comprometido. Por unha banda, Den Pobedy: Día Da Vitoria, unha peza de Alberto Lobelle que nos leva ás celebracións do 9 de maio no que se celebra a vitoria da U.R.S.S. sobre a Alemaña nazi. Pola outra, No Justice, No Peace. Baltimore 2015, de Ana Laura Pereira e Eric Splinter, que plasma os sufrimentos da comunidade afroamericana dentro do sistema capitalista estadounidense.

Ás 22 h continuaremos no Auditorio Municipal co cine de denuncia. Recibiremos ao director Aitor Rei e a súa exitosa Frankenstein-04155, película documental que analiza as múltiples variables que influíron no fatal accidente do Alvia 04155 o 24 de xullo de 2013. Producida por Boneca Lareta, conta coa colaboración da Plataforma de Vítimas Alvia 04155 e recibiu financiamento a través de achegas de particulares mediante unha plataforma de crowdfunding. Un filme tan necesario como inesquecible.

Paralelamente a estas proxeccións, o auditorio do Instituto Camões acollerá ás 18.00 horas a primeira das dúas charlas-coloquio que a quinta edición ten programadas. Baixo o epígrafe “Vías de colaboración entre o cinema galego e o lusófono”, os poñentes debaterán sobre a produción, distribución e exhibición dos audiovisuais galego e lusófono, concretamente, o de Portugal. Para este coloquio contaremos con Marta Pérez Pereiro, doutora en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela; con Manuel González Álvarez, antigo responsable de cine e vídeo da Dirección Xeral de Cultura e da Videoteca de Galicia e creador e ex director da Escola de Imaxe e Son da Coruña; e con Artur Barros, fundador e director do Festival Internacional de Cinema Independente de Braga. O director do Instituto Camões, João Ribeirete, moderará este coloquio, que será de entrada gratuíta.

Despois da charla, o Camões descubriranos Tchindas, de Pablo García Pérez de Lara e Marc Serena, a emocionante historia de Tchinda Andrade, unha muller de Cabo Verde que no ano 1998 decidiu saír do armario, presentándose como transexual a un semanario local.

Por último, destacamos que a nosa terceira sede, o Auditorio do MARCO, comeza as súas proxeccións con tres bloques de curtametraxes lusófonas: ás 17.00, 18.15 e 19.40 horas, respectivamente.

 

Deixe unha resposta