Escoita… é cine!, actividade promovida pola asociación cultural Reencanto Producións, continuará nesta quinta edición achegando a sétima arte ao público máis novo. O pasado ano, case 500 alumnos de 8 centros de ensinanza da contorna viguesa, completaron o aforamento do auditorio do concello en cada unha das sesións. Acompañados de docentes e titores, nenas e nenos mergulláronse e gozaron do cinema mudo. Dada a súa satisfactoria resposta, Escoita… é cine! non só volve ao festival senón que duplica os seus días de programación.

A actividade consiste na proxección de  curtametraxes de comezos do século XX, musicalizadas en directo polo grupo Caspervek Trío, agrupación musical especializada en compoñer e executar bandas sonoras para películas do cine mudo, conxugando elementos visuais e sonoros. Os rapaces terán a oportunidade de apaixonarse polo cine cos máxicos efectos especiais de Segundo de Chomón, a animación de Ub Iwerks e Walt Disney, e o humor (non exento de crítica social) de Harold Lloyd, Buster Keaton ou Charles Chaplin.

De xeito divertido e pedagóxico, búscase desenrolar a creatividade e as capacidades cognoscitivas, artísticas e expresivas do alumnado; difundir o valor do cinema como método de coñecemento da historia; divulgar os códigos verbais e non verbais da linguaxe audiovisual e, en definitiva, espertar a curiosidade cara o cinema.

 

 

Deixe unha resposta