O actor e guionista guardés Nani Matos, presentou estes días no Primavera o seu tercer filme como director, Lurna, unha crúa historia sobre a realidade social da inmigración protagonizada pola senegalesa Diaryatou Daff. Falamos con el.

Primavera do Cine: Como xurdiu Lurna?

Nani Matos: Eu tiro moito de noticias e realmente Lurna inspírase en feitos reais. Estes casos ocorren, están aí todos os días e decidín contar unha historia da emigración. Ademais queríaa contar ben, non podía quedar a medias. Había que facela de xeito que fora o máis realista posible.

PdC: Todos eran actores profesionais?

N.M: Os senegaleses non. Esta foi a primeira vez que estiveron nunha rodaxe, diante dunha cámara. Ese foi un dos retos co que quedei moi satisfeito. Únicamente a actriz é profesional. Precisaba unha actriz que me dera o que pretendía e penso que Diaryatou Daff da ese xogo. Pero si que foi un proceso complicado saber quen podía encarnar ese papel. Foi por mediación dun amigo que coñecía o seu traballo. Eu tamén vin algún filme como o que realizou con Iñárritu, Biutiful, e gustoume moito. O resto si son actores, incluso a figuración, porque necesitaba xente que soubera estar alí.

PdC: Que tipo de distribución está levando a película?

N.M: Está en mans dunha distribuidora e nos festivais, que é onde teñen a distribución este tipo de traballos. Realmente acaba de comezar. A primeira selección que tivo foi en Cans. Esta é a segunda e esperamos que teña percorrido, pero bueno, este mundo é complicado e, afortunadamente por outra parte, tamén hai moi bos traballos. O importante é o que sempre digo ao falar deste tema, que se vexan; que se valoren; pero sobre todo, que se saiba que se están facendo cousas porque son moitas as dificultades que temos en Galicia para traballar. E aí está a importancia que teñen os festivais nos que se exhiben os nosos filmes, dar a coñecer o traballo que estamos a facer.

PdC: Pensamos que apostas sempre polo relato e é moi de agradecer porque non son habituais as curtametraxes que conten historias e desenvolvan personaxes con dramas de trasfondo. Nesta vimos que fas un plantexamento moi interesante co tema dos flashback. Iso xa estaba premeditado a nivel de guión ou fíxose na montaxe?

N.M: Todo está no guión. Nese sentido quedei contento porque era o que quería contar. Na montaxe simplemente modificamos cousas pequenas que viamos que non funcionaban, pero realmente o guión era así. Tivo moitas versións pero esa era a súa esencia. A pesar de que xa se ve moita xente, aínda había máis detrás, por esta rodaxe pasaron máis de 100 persoas; iso implicou un certo sacrificio como é o de ter eliminar planos moi válidos que non quedaban ben na montaxe.

PdC: Tes en mente algún proxecto futuro?

N.M: Non, de momento non. Gústame deixar repousar o traballo, ver un pouco como funciona e ver se van saíndo máis, estupendo. Hai un proxecto de guión pero xa vai con máis calma. Agora preciso relaxarme porque este traballo, aínda que me deixou moi satisfeito, foi moi esgotador.

PdC: Está sendo moi ben recibido…

N.M: O certo é que si, está tendo moi boa acollida. Penso que é unha temática que hai que tocar, que é dura pero que é necesario tocar.

 

 

 

Deixe unha resposta