Entrevista a Héctor Domínguez-Viguera, director de ‘El Pozo’

El Pozo estréase aquí, no Festival Primavera do Cine. A curta, rodada nos bosques galegos, é un interesante drama sobre o medo e a incomunicación coa guerra civil de fondo. O ourensán Héctor Domínguez-Viguera está en Vigo para a presentación do seu filme, polo que aproveitamos para conversar con el.

Primavera do Cine: Como xurdiu El Pozo?

Héctor Domínguez-Viguera: Foi un proceso longo. O guión escribino hai varios anos, a primeira versión é do 2011. Logo fixen varias curtas sobre outros temas. Como era un proxecto que precisaba moito traballo de produción, tardamos varios anos en reunir o presuposto que requiría. Ao longo deses anos, o guión e o proxecto foron cambiando e medrando conmigo. A idea xurdiu de temas que me interesaban, que me obsesionaban por aquel entón e que o continúan a facer, como por exemplo o medo, falar do medo, da covardía, da procura da identidade… como somos, en esencia, e como nos comportamos diante dos demais, sobre as nosas máscaras. Quería falar diso.

PdC: Como se levou a cabo a selección dos actores?

H.D-V.: Con Clara Pampyn traballo sempre porque é a miña musa. Encántame e sempre que podo traballo con ela. De feito, escribín o seu personaxe pensando nela. Samuel Viyuela tamén é un actor que me gusta moito. Con el traballara no proxecto de fin de carreira na escola TAI de Madrid onde estudei. Dalgún xeito, non de forma tan consciente coma no caso de Clara, creo que tamén escribín o personaxe pensando nel. Por outra banda, Aitana Sánchez-Gijón encantábame e non tiña unha actriz para ese personaxe; tiven a sorte de coñecela, de entregarlle o guión, e de que dixera que si. Iso foi, a verdade, un regalo incrible para min, para o filme… para todos. Tamén aparece Alfonso Delgado, un moi bo actor. Foi o último que atopei porque, como a súa aparición é moi breve, centreime antes na procura dos outros actores.

PdC: Con que financiación contastes?

H.D-V.: Por unha banda, aforrei bastantes cartos para facer a curta; despois fixemos un pequeno crowfunding, e tamén recibimos unha subvención do ICAA.

PdC: Que tal a experiencia co crowfunding?

H.D-V.: O certo é que foi moi ben. Acadamos 3.900 euros, foi unha axuda moi importante para nós.

PdC: Cando foi a estrea de El Pozo?

H.D-V.: Esta é a estrea en España. Fixemos a preestrea en Madrid, e estreouse en Holanda o mes pasado, pero a estrea oficial en España e en Galicia é aquí. Eu son galego, de Ourense, pero crieime fóra. Funme aos 8 anos e este é o primeiro filme que rodo aquí, así que é aínda máis emocionante para min. Tamén é unha viaxe cara as miñas lembranzas, cara as paisaxes da miña infancia e o encontro con esa natureza galega.

PdC: Cales son as túas influenzas cinematográficas, culturais e literarias?

H.D-V.: No cine gústame especialmente Andrei Tarkovski, tamén Kieslowski, Fellini, Erice, últimamente Reygadas… directores diferentes que teñen algo en común como é un mundo propio, un xeito particular de contar as cousas, cunha mirada poética quizais.

PdC: El Pozo non é a túa primeira curta, non si?

H.D-V.: Non, é a terceira. Despois do proxecto de fin de carreira, pasei un par de anos dedicándome a escribir, e realicei Ella y el Espejo, a miña primeira curta fóra da escola. De seguido dirixín La Nana e El Pozo sería a terceira.

PdC: Que camiños vai seguir agora a curta?

H.D-V.: A distribución está en mans da axencia Freak. Comezou fai tres meses e agardamos que teña un gran percorrido polos festivais.

PdC: Cales son os teus proxectos futuros?

H.D-V.: Por unha banda estou escribindo unha longametraxe de ficción, que probablemente tamén rodarei en Galicia. Por outra, interésame moito o mundo do documental, do cine que se expón dende unha realidade, e dentro dunha semana farei unha viaxe por Europa de dous meses e medio para facer un filme documental que terá por título Tierra de leche y miel. Tratará dos desplazamentos humanos provocados pola guerra e, fundamentalmente, sobre os refuxiados sirios. Vai ser moi importante para nós como persoas e toda unha experiencia vital. Nunca me acheguei a unha realidade así como director, así que é algo completamente novo para min e estou moi ilusionado. Seguramente iremos desde os Balcáns até Turquía, e logo subiremos a Armenia, Xeorxia, cruzaremos o Mar Negro ata Ucraína. Por último iremos a Romanía e xa volveremos a Madrid. Todo isto en coche e tres persoas.

Temos unha especie de guión ideal, elaboramos un pequeno dossier para poder presentar o proxecto pero somos moi conscientes de que a película ímola atopar no mesmo viaxe, construirémola coas persoas que tratemos. Nós uniremos as pezas pero serán eses seres humanos os que a dirixan. Por iso aínda non sabemos que peli imos facer. É moi interesante para nós, que sempre fixemos ficción. Na ficción todo está máis controlado e este proxecto obriga a abrirse á vida.

Deixe unha resposta