Entrevista a Enrique Dasilva, guionista de ‘Narci’

Narci foi a curta inaugural da programación desta quinta edición do Primavera no Auditorio do Concello. Trátase dun pequeno pero ambicioso proxecto dirixido por Julián Maguna que conta coa participación da Fundación Igual Arte. Enrique Dasilva asistiu á proxección acompañado de Pilar Rego, coguionista e membro da Fundación.

Primavera do Cine: Como xurdiu Narci?

Enrique Dasilva: É parte dun proxecto chamado Igual Arte Film Project. Varios dos membros do equipo somos da Asociación Audiovisual Samthing Visual e colaboramos en varias ocasións coa Fundación Igual Arte. Neste caso xurdiu a idea de facer dous obradoiros cos alumnos da fundación, un obradoiro técnico e outro creativo. No técnico preparamos a catro dos estudantes que tiñan pouca ou ninguha experiencia no mundo do cine, formando unha clatetista, un foto fixa, un electricista e un pertiguista. Co equipo creativo, do que tamén forman parte Pilar Prego, Carmen Gómez, Roi Garrido, Pedro Pomar e Laura Faro, ideamos o guión de Narci. Foron tres ou catro meses de obradoiros.

PdC: En que consiste Igual Arte Film Project?

E.D.: Todos os talleres grabáronse en vídeo coa idea de facer un documental pero, por causalidades do destino viu ese material o director Agustí Vila e decidiu facer el mesmo un documental sobre todo este proxecto. Involucrouse moito, tivo máis ideas e realizou unha ficción documental que se vai estrear dentro de pouco, na que Pilar pasou de guionista a actriz. Así é como Narci forma parte dun proxecto máis amplo. Todo comezou coa idea de grabar unha curta documental pero o proxecto foi medrando.

PdC: Como foi o proceso de selección dos actores?

E.D.: Agora forma parte do proxecto de Agustí Vila, pero foi interesante porque preguntarámoslle aos guionistas quen querían que fosen os actores e dixeron nomes como Angelina Jolie, Brad Pitt… (risas). Mediante un dos profesores da fundación tentamos conseguir alguén potente para poder mover ben a curta, e ao final puideron vir Javier Gutiérrez – genial, como persoa e como actor – Celso Bugallo, Anna Ycobalzeta e Manu Polo – co que xa traballaramos noutras ocasións –. A idea é neste caso ter bos nomes para poder difundilo ben. E tivemos a sorte de que eses bos nomes son actores grandísimos.

PdC: É a primeira vez que presentades un traballo no Primavera do Cine?

E.D.: Presentaramos algún videoclip de Dakidarría pero é a primeira seleccionada para a Sección de Curtas.

Pois moita sorte, Enrique e Pilar.

Narci proxectarase novamente o martes 24 no Auditorio do MARCO ás 17 h.

Deixe unha resposta