Entrevista a Ángel Filgueira

Ángel Filgueira é o director de Espazo, unha suxerente curta que se proxectou nesta edición do Primavera do Cine. Moi xenerosamente, aceptou respostar ás nosas preguntas.

Primavera do Cine: Como xurdiu Espazo?

Ángel Filgueira: Espazo é o meu traballo final do grado de Comunicación Audiovisual e a primeira curta “seria”, digamos. Podería dicirse que todo comezou cunha imaxe fixa que se me quedara na cabeza: un primeiro plano de Anna Karina nunha cafetería en Vivre sa vie. O branco e negro, a súa mirada viva e triste, directa, a cafetería como templo da conversación. É a muller vista por Godard. E a partir de ahí apareceu un borrador dunha conversa-monólogo na que unha rapaza se atopaba cun personaxe masculino que non podiamos ver nin escoitar, pero si podiamos entrever a través dos recordos e sensacións que a rapaza facía aflorar coas súas verbas. Así, o personaxe feminino aguantaría todo o peso da imaxe. Debía resultar, pois, un personaxe complexo, divertido e tráxico. Hai moito de min nesa personaxe masculina pasiva observadora e tamén nela. Esa muller sen nome foise completando con mulleres que coñecera e observara e vivira, ata que apareceu Marta Queiruga, a actriz, para acabar de definila. Por outra parte, quería establecer unha conexión de varias liñas temporais, que a situación fose en presente pero referenciando sempre ao pasado, ao rematado, ao que “quedou atrás”. O final da historia foi o que máis tardou en aparecer, e establece unha liña de temporalidade ou realidade aínda maior ao mesmo tempo que crea o conflicto de verdade ou recreación, un tema que me interesa especialmente.

PdC: Como foi o proceso de gravación, produción e distribución?

Á.F.: Síntome satisfeito co meu papel de director sendo o primeiro traballo, pero non como produtor. Considerei pouco necesaria a labor de produción nun proxecto tan pequeno e ao final resultei bastante desastroso nese aspecto, pero polo menos conseguín os dous elementos que precisaba: rodar na cafetería De catro a catro e, sobre todo, que a miña amiga de sempre Marta Queiruga aceptase o papel protagonista. Para isto cheguei a viaxar ata Budapest para levarlle o guión e convencela, e así foi. O equipo técnico foi bastante improvisado (de novo as miñas carencias de producción) pero puiden contar con él plenamente. A rodaxe estaba dividida en dous: a parte do bar e os recordos ou imaxes semifotográficas que aparecen a modo de sensación. Na primeira parte, foi todo un placer ver como Marta comezaba timidamente co gran monólogo do bar ata facelo realmente seu. Irónicamente, eu mesmo era ademáis de director o receptor, o personaxe ao que Marta fala e de súpeto toda esa mentira que é o cine facíase realidade. En canto ás partes dos recordos graveinas eu mesmo e algunha delas creo que chegan a brillar con esa complicidade real.

PdC: Con que apoios contas… escolas de cinema, subvencións, financiación privada?

Á.F.: Ademais do meu equipo persoal, contei co equipo da Facultade de Pontevedra, sempre dispoñible, que é algo de agradecer.

PdC: Tes algún proxecto en mente?

Á.F.: Actualmente estou finalizando a rodaxe doutra curtametraxe co meu irmán pequeno de protagonista (tamén participa brevemente en Espazo). Titúlase Génesis e trata sobre o cambio da infancia á preadolescencia, sobre o peso, as responsabilidades e expectativas do entorno, a inocencia, o desexo sexual, a liberdade. Aínda que ten bastante de ficción, a dimensión documental expándese neste proxecto e para chegar a esa verdade e ao meu irmán real, a maior parte do tempo eu integro todo o equipo técnico. Por outra banda, levo xa un tempo coa montaxe do documental Sevilla y Gomorra sobre o meu entorno persoal durante a miña estancia en Sevilla, pero teño tanto material interesante que cústame bastante organizalo para sacar o mellor de cada imaxe.

PdC: Farás máis curtas, pensas nunha longa?

Á.F.: En canto a proxectos futuros, teño un borrador moi xeral doutra curtametraxe no que o fundamental será a interpretación dunha personaxe e a propia creación cinematográfica e a búsqueda da verdade e da identidade, nun estilo semellante ao do Dogma 95. E tamén estou traballando de novo con Marta Queiruga (esta vez dende o comezo) no guión dunha futura longametraxe a partir das obras de Shakespeare levadas ao contexto actual.

PdC: Que liña temática che gustaría seguir no futuro?

Parece que de momento seguirei xogando cos temas da interpretación, a identidade e a verdade difuminada.

De seguro que volveremos ter noticias de Ángel.

Deixe unha resposta