‘El Andamio’, ‘Fíos Fóra’ e ‘O Heroi’ para unha xornada reivindicativa

Tras unha mañá mergullándonos cos máis pequenos no pedagóxico mundo do cine mudo musicalizado polo Caspervek Trío; o Primavera do Cine ofrécenos nesta xornada unha programación comprometida coa nosa realidade histórica e social, programación concentrada no Auditorio do Concello.

Ás 17 h. terá lugar unha nova sesión de curtas, coa proxección do Bloque 4, conformado por Bombolles, de Álvaro Gago; Un café só, de Eva Sarmiento; Fílmame (a propósito de Cuba), de Eduardo Soutullo, e Comercial, de Roi Carballido. Seguidamente, ás 18:30 h teremos outra nova retrospectiva, dedicada nesta ocasión a Rogelio Amigo. Proxectarase El Andamio (1958), un documental de culto prohibido pola censura e silenciado durante máis de 40 anos, até a súa restauración polo CGAI no 2008. Contaremos de novo coa presenza do presidente da Asociación Española de Historiadores do Cine, Julio Pérez Perucha, para falar con el do filme, do cinema e da historia.

Pola súa banda, Fíos Fóra está programada para as 20 h. desta tarde. O documental sobre as mulleres que nos anos 60 foron a man de obra barata que levantou ao xigante (agora deslocalizado) Inditex, enche salas alá por onde vai. Para presentalo contaremos as súas autoras, Sabela Iglesias e Adriana Pérez Villanueva, as dúas compoñentes de Illa Bufarda. Fíos Fóra é un documento crucial para coñecer o papel da muller galega dos anos 60 e 70, e os devastadores efectos sobre a economía local das políticas neoliberais.

O Heroi, do cineasta angoleño Zézé Gamboa, porá o broche final á programación deste xoves ás 22 h. tamén no auditorio municipal. O filme, gañador do Gran Premio do Xurado de Sundance na edición de 2005, plasma as secuelas dunha guerra civil, neste caso a de Angola, mais podería ser a de calquera outra rexión pois as traxedia humanitaria non deixa de ser a mesma.

 

Deixe unha resposta