Onte deitábamonos coa nova do (grandísimo) triunfo do galego Oliver Laxe na Semana da Crítica de Cannes co seu filme Mimosas. Hoxe, a bisbarra enteira vístese de cine. Días luminosos para esta primavera que tardou en espertar.

Comentámosvos, pois, os nosos plans para esta tarde-noite. A programación da xornada comezará ás 17 h no Auditorio Municipal do Concello, cun bloque de curtas galegas inaugurado por Narci, de Julián Maguna, a cuxa proxección asistirá parte do equipo.

O Instituto Camões abre as súas portas ás 18 h para gozar dunha tarde de curtas lusófonas e mostrarnos o talento dos novos realizadores, que son moitos e diversos. A sesión das 20 h centrarase na animación, cun bloque conformado por:  A ria, a água, o homem…, Conto do vento, Lagrimas de um palhaço, Pronto, era assim, Foi o fio, e 15 bilhões de fatias de (-T)+Deus. Altamente recomendables.

E ás 19 h no Auditorio municipal, terá lugar a Gala de Inauguración da V Edición do Festival Primavera do Cine. Tras o discurso inaugural e a presentación da programación deste ano, poderemos escoitar a Oswaldo Oro, que pon a banda sonora á nosa festa do cine. A continuación, os primeiros fotogramas da gala coa proxección de Encallados, do compostelán Alfonso Zarauza, quen compartirá tempo e espazo con nós para presentarnos o seu filme. Un pequeno gran metarrelato cinematográfico cheo de humor co escuro chapapote do Prestige de fondo. Encallados é unha produción galega que conta coa participación de figuras coma Patricia Vázquez e Luís Tosar para amosarnos como sacarlle pulo a 10 días de rodaxe e un modestísimo orzamento. Como broche final da gala, exhibirase Os meninos do río, do zaragozano Javier Macipe, curtametraxe candidata aos Goya 2016 e gañadora de máis de 70 premios. O filme mostra a vida de Oporto, baixo a Ponte de Luís I, onde turistas, funámbulos meniños, suicidas…, mergúllanse no río Douro. En 14 minutos, unha inspirada alegación, un moderno soneto a lembrar, na meca dourada do noso cinema.

A programación do día rematará coa proxección de Aquele Querido Mês de Agosto, dun portugués que xa non precisa presentación, Miguel Gomes. Un retrato naturalista dos calorosos veráns no interior portugués, tan familiares aos galegos, que emocionou á crítica no Festival de Cannes no 2008.

E así daremos por inagurada a quinta edición do Primavera do cine. Porque a primavera é movemento, revolución, vida… a primavera é cine. Que a gocedes!

 

 

Deixe unha resposta